Fracasa a moción de censura de Ponteceso ao considerar os edís impulsores "tránsfugas"

Non son admitidos os votos dos concelleiros non adscritos, que prevén recorrer a decisión na xustiza e o alcalde apela á "cordura" da corporación.

Por E.P. | A CORUÑA | 03/05/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A moción de censura de Ponteceso que tiñan previsto rexistrar este luns os cinco concelleiros non adscritos co apoio de PP e APIN non saíu adiante ao contar co informe negativo da secretaria municipal.

Os concelleiros non adscritos --que foron expulsados do PSOE a finais de 2020 por actuar de forma "reiterada" contra as normas do partido-- presentaron na mañá deste luns a moción de censura co apoio de dous edís do PP --o terceiro concelleiro dos populares aínda non tomou posesión-- e os dous de APIN.

Con todo, un informe negativo da secretaria municipal ante a condición non adscritos dos cinco edís que deixaron o grupo do PSOE impediu que o rexistro da moción saíse adiante, xa que segundo a lei actual son considerados como tránsfugas. Deste xeito, continuará gobernando en minoría o socialista Lois García xunto aos outros dous concelleiros que continúan no PSOE.

En declaracións a Europa Press Raquel Fondo, a edil non adscrita que se postulaba como candidata á Alcaldía a través da moción, avanzou que recorrerán a decisión ante os tribunais ao considerar "inxusto" que os seus votos non sexan tidos en conta. "Nós non nos consideramos tránsfugas, eles --os socialistas-- botáronnos fóra do partido sen ningún tipo de explicación", manifestou.

Ademais, lamentou que, ao non saír adiante a moción de censura, vaia continuar a situación de bloqueo en Ponteceso ante o que considera unha negativa do alcalde a "chegar a acordos" co resto de integrantes da corporación municipal. "Nós fomos capaces de reunirnos todos xuntos e chegar a un acordo", destacou para subliñar que seguirán "loitando ata o final" por Ponteceso e os seus veciños.

O ALCALDE CHAMA Á "CORDURA"

Tras coñecerse que a moción de censura "non cumpre os requisitos legais", o rexedor Lois García Carballido (PSOE) fixo un chamamento á "cordura" da corporación municipal e reiterou a súa dedicación ao "progreso de Ponteceso" nun "momento moi complicado para a saúde e a economía".

"Pido aos e ás asinantes da moción de censura que desistan no seu intento de suplantar a vontade dos electores expresada nas urnas", sinala o alcalde, que asegura que "cando cheguen as próximas eleccións, poderán presentarse e o electorado falará". "Ata entón, temos que chegar a acordos que favorezan os intereses dos veciños e veciñas de Ponteceso. A miña porta continúa, sempre, aberta", finaliza.

POSTURA DO PP

Pola súa banda, noutro comunicado, a dirección do PP da provincia da Coruña asegurou ser "consciente" das "dificultades xurídicas" que había para que a moción de censura prosperase. Con todo, asegurou que "resultaba o mellor mecanismo para pór de manifesto, unha vez máis, a soidade na que se atopa o rexedor dentro do goberno municipal".

"Nestes momentos, Ponteceso vive unha situación inadmisible desde todos os puntos de vista, cun executivo local en clara minoría, illado politicamente e, o que é peor, incapaz de xestionar o día a día do municipio", sinala o PP provincial. Os populares apuntan que "os veciños son os principais prexudicados dun problema xerado pola crise interna que vive a agrupación local do PSOE, da que marcharon ao grupo dos non adscritos 5 dos 8 concelleiros que foron elixidos democraticamente as urnas".

Por todo iso, a dirección do PP da Coruña inciden na "obrigación" que, na súa opinión, ten tanto o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, como o secretario provincial do PSdeG, Valentín González Formoso, de "tomar cartas no asunto" e "resolver unha crise interna" que, conforme apunta, "pasa pola dimisión de García Carballido como alcalde de Ponteceso".

Lois Carballido, alcalde de Ponteceso
Lois Carballido, alcalde de Ponteceso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta