Temas: MúSICA

"Para sentir que triunfaches debes facelo con paixón"

Xavier Valiño, que este mes inaugura unha exposición na sede da SGAE, cóntanos o seu percorrido pola critica musical. Unha conversa con Patricia Ares e Sue Rainbow ao obxetivo.

Por Sue Rainbow | Santiago de Compostela | 19/10/2013 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Tras unha charla distendida co crítico de música Xavier Valiño (Cospeito, 1965) non podo evitar facerlle algunhas cuestións que poden resultar de interese xeral e, ao mesmo tempo, clarexar algunhas dúbidas acerca de certos tabús sobre os cales, en ocasións, resulta complicado opinar.

Como foron os teus inicios no ámbito da crítica musical?
Chegar aí foi toda unha sucesión de casualidades. Ao entrar no instituto, con 13 anos, alguén de Radio Popular de Lugo pasou por alí a preguntar se algúns alumnos estarían interesados en facer un programa chamado "Paso á xuventude". Apunteime e así empecei. Despois, con tres amigos (Baldo, Lagu e Siso) fixemos o noso primeiro fanzine, e en 1983 deixáronnos tamén un oco no xornal local, no que acabei escribindo vinte anos. De aí a outras radios, xornais, revistas, televisións ou webs xa foi máis encamiñado. E supoño que, dándolle a razón a moitos músicos, tamén tería que ver o ser un negado cos instrumentos: nin co piano, nin coa guitarra conseguín ningún progreso. Así que, polo menos no meu caso, teñen razón... (ri).

Xavier Valiño por Sue Rainbow
Xavier Valiño por Sue Rainbow

Que opinas das etiquetas que se adoitan adxudicar a determinados xéneros musicais? Por exemplo, no caso do rock, podemos falar de hard-rock, pop-rock, glam-rock, punk-rock, etc. No caso do metal; power-metal, nu-metal, trash-metal...
Son estupendas para quen anda despistado, non coñece e prefire que llelas dean mastigadas ou quere saber doutro grupo que vaia nunha liña similar a un que lla teña gustado antes. Tamén son moi didácticas para que os comentaristas musicais situemos a obra de alguén: afórrannos ter que dar rodeos, aínda que tamén é certo que por langráns ou comodidade acabamos indo a elas cando poderiamos facer un esforzo. Redímenos en parte que isto -case- nunca é un traballo pagado, senón unha vocación, a nosa droga dura.

Con que artista te sentiches máis cómodo á hora de realizar unha entrevista?
- Cos que mellor me entendo son aqueles que máis viscerais se mostraron, que máis convencidos parecían co que estaban a contar. As miñas entrevistas favoritas das publicadas son aquelas que empezaron como algo de 20 minutos pactados para facerlle unhas preguntas e que se converteron en charlas que duraron horas ou días. Por exemplo, a que lle fixen a Billy Bragg. Se alguén a le, creo que entenderá a razón. Ademais de compartir con el unha posición ante a vida, case todo o que dixo me deixou tocado, pensando e coa pel de galiña nalgún momento. O mesmo sucedeu con PaddyMcAloon, de Prefab Sprout. Tamén con Nick Lowe. Ou con Bettye Lavette, que se mostraba sorprendida de que alguén tivese interese por ela en España. Richard Hawley deixou unha festa familiar por unha conversación na que parecía que se encontraba a gusto. Ou Manu Chao, agradecido por ler unha conversación xa esquecida o día do seu aniversario nunha aldea perdida do Camiño de Santiago.

No lado oposto The Wedding Present. É a única que vez que as preguntas non eran miñas, senón dun grupo de xente que segue ao grupo dende hai máis de 20 anos. Nembargantes, parece que o seu líder perdera o humor ese día, porque o tomou realmente mal. Tampouco estiven nada cómodo con Josele Santiago, nunha entrevista que tentei cando estaba con Los Enemigos e que só me contestou con monosílabos, como perdoándome a vida. Supoño que se debe a certas substancias... E hai alguén ao que perseguín durante un tempo para facer un libro de conversacións con el, pero nunca tiven resposta. Trátase de Antón Reixa. Estou case seguro de que non sabe nin que tiña esa idea!.

Algunha anécdota?

Como anécdota, recordo que despois de falar con Paul Weller no Doutor Music Festival, pedinlle a un amigo que levaba un pase de fotógrafo (para entrar gratis, claro) que me fixese unha foto coa miña cámara. Non tiña nin idea de como funcionaba e lle custou uns 5 minutos ata que conseguiu disparar, mentres o señor Weller aguantaba estoicamente ao meu lado sen inmutarse. Sabe Deus que idea levou de nós!

Dentro do panorama nacional (gustaríame que te "mollases") Podes citar o nome dunha banda de rock que consideres que destaca ou pode despuntar por algunha razón en concreto?
Con estas preguntas, sempre tiro para casa, para Galicia. Para empezar, hai que dicir que as cousas se volveron máis complicadas e despuntar agora como hai dez anos é máis difícil (aínda que aí están Triángulo de Amor Bizarro para contradicirme). Creo que grupos que non teñen ningún disco (ou un ou dous como moito) como Fantasmage, Fluzo, Wöyza, Músculo!, Alex Casanova, Carrero Bianco, Colectivo Oruga, Das Kapital, Puma Pumku, Fagot e Popota, Jane Joyd ou Safari Orquestra poderían ser apreciados por un público amplo. Se tivesen entrado no mundo da música fai 15 ou 20 anos, así o farian seguramente.

Xavier Valiño por Sue Rainbow
Xavier Valiño por Sue Rainbow

Un disco ao que lle teñas especial cariño
A pregunta do millón. Son moitos, moitos. O máis sinxelo será recorrer a aqueles que marcaron a miña adolescencia, que serán os que estean aí para toda a vida. Empecei con oito anos comprando casetes de The Beatles en tendas de electrodomésticos, aínda que non en interpretacións orixinais senón por músicos de estudo que aspiraban a reproducilas como ben podían, máis que nada porque eran o pouco que me podía permitir entón. Despois intentaba repetir as letras sen saber unha palabra de inglés subido nos carros de vacas da miña aldea, cantando desafinado coma se aquilo fose o máis lustroso palco do mundo.

En canto a discos, o primeiro que lembro comprar foi o singre "Smash It up" de The Damned (por certo, fai pouco falando cun grupo de amigos sobre cal era noso singre de punk favorito, un rapaz de 12 anos, sen que ninguén o tivese mencionado antes, dixo sen dubidalo que "Smash It up" era o mellor single punk daquela época. Deixoume de pedra!). E, como non, o single "Going Underground" de The Jam, que me cambiou literalmente a vida cando os vin por televisión.

Polo que respecta a LPs, máis ou menos caeron pola mesma época London Calling de The Clash e o debut de The Pretenders, que aínda hoxe segue sendo o revulsivo perfecto para empezar ou rematar calquera día. Infalible.

Por que cres que a música que triunfa hoxe en día é a de personaxes como Pitbull, por exemplo?
- Ben, iso foi así máis ou menos sempre. Por un lado está a parte industrial do negocio da música, que intenta maximizar os seus beneficios sacando tallada de produtos comerciais e en ocasións directamente prefabricados. E logo está a parte máis creativa, que, se te decatas, non é máis que a prolongación do que facían aqueles artistas que marcaron os anos 50 e 60, os precursores, os que sentaron as bases. Naquel momento, eran os que copaban as listas, pero despois, cando a industria se fixou máis na parte do negocio puro e duro, quedaron relegados a medios menos maioritarios, substituídos por xente máis domesticable, que se pode vender doadamente sen que de verdade importe o seu talento.

Unha portada que te inspire e que conserves como unha reliquia
Tamén son moitas. Agora, polo meu último libro, que tamén se converteu en exposición itinerante, coido e colecciono discos que foron censurados no franquismo, tanto a súa versión internacional orixinal coma a censurada en España. É un vicio! Hai auténticas xoias e algunhas dunha tirada moi limitada. Se me preguntas por portadas que me gusten, sempre sentín debilidade por Screamadelica de Primal Scream, o debut de The Velvet Underground con Nico deseñado por Andy Warhol, os dous discos de Joy Division, La pistola y el corazón de Los Lobos...

A que andas agora?

O lunes 21 inauguro na sede da SGAE en Compostela unha exposición de 70 fotografías tomadas en concertos, a maioría deles en Santiago.

Finalmente e visto o panorama actual, que cres que é o máis importante para triunfar na música no momento presente?
Está complicado e non creo que haxa unha fórmula. Creo que, xa que a cousa está crúa e é máis doado perder que gañar diñeiro, hai que ser consecuente co que a un lle gusta e xa está. Se iso chega á xente e a canta, é algo que non debe preocupar pero que, se sucede, pois benvido sexa. Todos os que intervimos niso debemos tomalo en primeiro lugar como unha paixón. Se é así, sentirás que triunfaches.

Unha entrevista de Patricia Ares

Fotos por suerainbow.com

Sue Rainbow agrade ao hotel NH Obradoiro de Santiago de Compostela a colaboracion na elaboración desta reportaxe.

Xavier Valiño
http://www.ultrasonica.info
http://www.similarrock.com
http://www.venenoendosis.com

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta