O poder de Érica Esmorís

Incansable na súa angueira de ofrecer ao lectorado galego novos e mellores produtos, Rinoceronte Editora decidiuse por abrir un novo selo ao que chamou sonora e evocadoramente Sushi Books. E botou a andar publicando dous ben interesantes títulos ideados para o público infantil: Xildas, de Antonio M. Fraga, e mais O poder de Amabel, de Érica Esmorís. Coas páxinas deste último enredou Armando Requeixo e estas son as súas suxerencias...

Por Armando Requeixo | Ames | 26/10/2013 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Primeiramente, que é  este obra dunha autora novel, por máis sinais coruñesa do 77, dedicada á veterinaria e adoratriz de Pippi Langstrumpf, que ofrece aquí un nada desdeñable relato. En segundo lugar, que moito presta saber que se é quen de crear suxestivas tramas pensadas para @s máis nov@s sen necesidade de bascular sempre dende o real ata o marabilloso, que a maxia pode habitar tamén na nosa contorna máis inmediata e lograr así facer ver a ese lectorado noviño con renovada ollada o mundo, sen necesidade de alambicadas parábolas decote imaxinarias.

Érica Esmorís
Érica Esmorís | Fonte: victorgrande.com

Porque o que Esmorís propón en O poder de Amabel é xustamente iso: acompañar a vida dunha nena ‘normal’ que cre descubrir nos membros da súa familia admirables superpoderes que os adultos sabemos que non son tal (a ‘superforza’ do pai, a ‘supervelocidade’ da nai para facer mil cousas en nada de tempo, a ‘invisibilidade’ da avoa que é quen de sabelo todo porque parece que está sen que a vexamos ou a ‘superintelixencia’ do irmán maior e ‘sabio’ adolescente), pero o que ela percibe como proezas indubidables que a levan a formularse unha interrogante e un reto: ¿cal é o seu superpoder como membro da familia? e ¿por que non probar ata encontralo?

Deste xeito, Amabel tenta descubrir cal é ese seu superpoder forzando unha serie de situacións absurdas nas que mira a ver se é capaz de voar, andar polo teito, falar cos animais, ver na escuridade, teletransportarse, ler o pensamento... Ao final acaba por descubrir cal é o seu aparentemente ‘normal’ superpoder, un talento que, tal como lle ensina súa experimentada avoa, é o máis humano e asemade extraordinario, unha habelencia que @s na que agardo que saiban recoñecerse @s que lean o libro.

Mais O poder de Amabel é tamén unha intelixente narración onde, de modo ben sutil, se vai debuxando toda unha arañeira de conflitos actuais que contemplados dende a singular percepción dunha nena: o desemprego, as discusións de parella, as enfermidades da vellez, a dificultade da conciliación familiar etc. Por suposto, tamén ao tempo prodúcese unha reafirmación de valores positivos como a unión familiar, a importancia da amizade, a liberdade e a capacidade de soñar e, sobre todo, transmítese unha mensaxe optimista e esperanzada mercé a unha inxel pero efectiva visión do cotián.

De moi agradable lectura, anegada de pasaxes que facilitan o sorriso e nada desapegada do fraseo comprensible para o público cativo que pode gozala intensamente, esta historia de Érica Esmorís é un feliz comezo narrativo que ogallá teña pronta continuidade. Non podía principiar con mellor pé Sushi Books, un bocado literario tan orixinal e saboroso como o nome do propio selo anuncia.

Érica Esmorís, O poder de Amabel, Cangas, Sushi Books, 2013, 158 pp.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta