“Un día chamei a Navantia ás 6 da mañá porque parecía que ía caer a casa co ruído”

Unha veciña de Ferrol denuncia sufrir vibracións "as 24 horas do día" que, á parte de non deixala durmir, estaría provocando fendas e derrubamentos no barrio que habita. Asegura que se debe á actividade dos estaleiros de Navantia e denuncia a pasividade da administración: "sempre que chamo hai excusas", asegura. A compañía descarta que a problemática garde relación co estaleiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Este é un chamamento desesperado porque me están a torturar. Como ben saben o corpo sufre repercusións, vai pasando o tempo e ninguén me axuda”. Así arrinca un dos moitos escritos que a ferrolá Silvia Martínez vén dirixindo á administración nos últimos meses. Esta veciña do barrio de Esteiro denuncia que, dende maio do ano pasado, está a sufrir unha serie de vibracións na súa casa as 24 horas e que atribúe á actividade dos estaleiros de Navantia.

Restos dun derrubamento ligados ás actividades de Navantia por veciños do Barrio de Esteiro
Restos dun derrubamento ligados ás actividades de Navantia por veciños do Barrio de Esteiro | Fonte: remitida

A denuncia desta ferrolá chegou a alturas do pasado mes de agosto. Nese momento, Martínez dirixiuse ao Valedor do Pobo para dar conta dunha situación para a cal as administracións públicas, asegura, lle están a dar largas. “Son vibracións continuas pero varían de intensidade”, explica esta muller a respecto dunha situación que se prolongaría dende hai xa un ano. “Estame causando problemas nerviosos e estrés”, apunta antes de subliñar que toma medicación para durmir “porque a cama está vibrando, víbrame o corpo”.

A problemática da que dá conta Silvia, que por riba vive cunha anciá dependente, estaría ligada, segundo a ferrolá, á actividade dos estaleiros de Navantia, situados a relativamente pouca distancia do barrio onde ela habita. Martínez explica, a este respecto, que a súa vivenda se sitúa xusto enriba dun túnel "da época da Guerra Civil" que une os estaleiros coa Casa do Patín, outro punto da xeografía ferrolá, e que podería ter que ver coa magnitude da vibración.

"GALERÍAS DESCOLGADAS"

Estas vibracións, á parte de xerar incomodidades na denunciante, estaríanse a cobrar tamén unha peaxe sobre os cimentos dalgúns inmobles da contorna. Á parte das fendas que rexistra no seu propio edificio, explica que asegura que outra casa próxima “tivo que reforzar a parede hai uns días porque se estaba desmoronando”. "Partiron os teitos totalmente", apunta a respecto de varios inmobles do rueiro. 

Esta ferrolá denuncia tamén un abandono por parte da administración que, segundo apunta, tería competencias no eido, o Concello de Ferrol. Segundo explica, logo de poñerse en contacto co Consistorio neste responderon que os traballadores de urbanismo tiñan “moita carga de traballo” e carecían de tempo para estudar a situación da zona. “Sempre que chamo é unha escusa”, denuncia a muller, que asegura que os peritos municipais evitan atendela. Na súa documentación, o Concello destaca que as medicións de ruído corresponden a persoal técnico "doutros departamentos". 

CONCELLO E NAVANTIA

Este suposto abandono, sobre o cal o consistorio din non ter coñecemento, tería levado á muller a pedir axuda ao Valedor do Pobo. Un documento do pasado 15 de outubro asinado por este cargo probaría que o Valedor pediu documentación ao Concello de Ferrol sen que este lla chegara a achegar. A situación de desleixamento replicaríase no caso de Navantia, á que Martínez acusa tamén de dar largas no canto de implicarse ou mesmo recoñecer a problemática que atravesa.

Martínez asevera, a este respecto, que chegou a contactar co equipo técnico de Navantia en Ferrol e que estes mesmo desenvolveron unha serie de medicións das que logo “nunca” lle chegaron a dar os resultados. “Quería botar as culpas a unha depuradora da piscina da Marina, ou o tanque de tormentas ou incluso a ventilación da Casa do Patín”, subliña. A muller asegura tamén que, no momento de realizar estas medicións, os responsables “xusto chamaban a Navantia e baixan a intensidade”. “Pasoume varias veces para chegar a ser casualidade”.

Ante estas circunstancias, Martínez conta que decidiu interpoñer unha demanda xunto con outros veciños pola cal estarían agora á espera de xuízo oral. Fontes de Navantia descartan que a problemática referida por esta veciña garde relación coa actividade nos estaleiros. Segundo apuntan dende a compañía, esta posibilidade foi desbotada tras realizar unha investigación interna. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta