Satse reclama "con urxencia" e "polo menos" que haxa dous fisioterapeutas en cada centro de saúde

O Sindicato de Enfermaría denuncia que cada vez están "máis desbordados" polo aumento de persoas que precisan ser atendidas tras sufrir a Covid-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) denunciou que os fisioterapeutas que traballan nos centros de saúde atópanse "cada vez máis desbordados" polo aumento de persoas que necesitan ser atendidos despois de sufrir a Covid-19 e padecer distintas doenzas ou problemas, tanto de ámbito respiratorio como funcional.

A través dun comunicado, Satse subliña que España "sofre un déficit estrutural e crónico de fisioterapeutas na sanidade pública que, no caso de Atención Primaria, supón que haxa un só profesional para atender entre 20.000 e 25.000 persoas", o que, engade, "supuxo sempre a existencia de longas listas de espera para poder ser tratados por este profesional sanitario sen ter que recorrer a centros privados".

En Galicia a Atención Primaria contaba no ano 2019 con 159 profesionais para atender a unha poboación de 2.700.000 persoas. "O cociente sitúase ao redor dun fisioterapeuta por 17.000 habitantes", abundou."Mentres que a Organización Mundial da Saúde (OMS) establece que haxa un fisioterapeuta por cada 1.200 habitantes, segundo estes datos fáltannos máis de 2.000 profesionais", denuncia Satse.

Os avances do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 "son moi escasos", engade este sindicato, no que a recursos humanos se refire. "Especialmente significativo é o caso da Fisioterapia, posto que se crearon 40 prazas, cando farían falta 2.000. Creáronse un 2% das prazas necesarias", engadiu. "Un paso minúsculo cando se debería dar un paso xigantesco, para adecuar a Atención Primaria ás necesidades desta poboación", abunda.

En Galicia, onde a poboación de máis de 65 anos supón unha porcentaxe do 25,44% e os de máis de 80 anos representan un 8,65%, "necesítase máis Fisioterapia, máis calidade de vida para esa poboación máis envellecida e por tanto con máis problemas de saúde", reclama.

O cociente situarase, con estas 40 prazas, ao redor dun fisioterapeuta por 13.500 habitantes de media. "Pero isto non é así en realidade; a dispersión xeográfica da nosa comunidade fai que o acceso a Fisioterapia non sexa homoxéneo", indica.

Hai centros de saúde cun só Fisioterapeuta para atender a poboacións de 25.000-30.000 habitantes, indica. "Canto tempo teñen eses habitantes que esperar para poder acceder ao servizo de Fisioterapia? Estamos a falar de meses, 2-3-4 meses para poder solucionar unha escordadura, tendinite, etc. Co que supón ter a unha persoa de baixa todo este tempo", advirte Satse.

EMPEORA

"Unha lamentable realidade que empeorou unha vez que o Covid-19 provocou que miles de persoas necesiten fisioterapia respiratoria e musculoesquelética unha vez superaron a enfermidade durante o seu ingreso nun centro hospitalario ou nos seus propios domicilios, apuntan desde a organización sindical", lamenta.

Por iso, considera que "resulta urxente" contar con, polo menos, dous fisioterapeutas en cada centro de saúde das diferentes comunidades autónomas, "non só para os novos pacientes Covid-19, senón tamén para todas as persoas con problemas de saúde crónicos ou cunha patoloxía aguda e de baixa complexidade aos que xa atendían e aos que agora non se pode deixar de lado", matiza.

Satse prosegue en Galicia coa recollida de firmas para que se debata no Congreso a lei de Seguridade do Paciente. SATSE
Satse prosegue en Galicia coa recollida de firmas para que se debata no Congreso a lei de Seguridade do Paciente. SATSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta