Pedro Sánchez, prendido da "maxia" de Pontevedra

O presidente español parouse no stand que a cidade ten en Fitur e levou como agasallo a famosa "caixa branca".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/05/2021 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

A maxia de Pontevedra conseguiu conquistar este vernes ao público da Feira Internacional de Turismo Fitur 2021 e mesmo o corazón do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, lle fixeron entrega dunha Caixa Branca que, entre outros agasallos, incluía un exemplar do libro de destino ‘Pontevedra de corazón’, un bolígrafo-USB co vídeo ‘O regreso dos seres extraordinarios’ e diverso material promocional e merchandising da marca Pontevedra. 

Pedro Sánchez no stand de Pontevedra en Fitur con Tino Fernández
Pedro Sánchez no stand de Pontevedra en Fitur con Tino Fernández | Fonte: Concello de Pontevedra

Sánchez agradeceu o presente, "o único que o xefe do Executivo levou con el hoxe de Fitur", segundo apuntaron fontes socialistas do Concello de Pontevedra, e comprometeuse coa delegación da cidade a visitar a cidade tan pronto como situación sanitaria estea totalmente baixo control.

Foi a guinda dun acto logo da presentación do vídeo realizado por Fernando Portela e protagonizado polas personaxes de fantasía de Pablo Mèndez Performances. Tino Fernández e Yoya Blanco estiveron acompañados polo escritor Manel Loureiro e tamén polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a parlamentaria autonómica Leticia Gallego; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Social de Pontevedra, Iván Puentes e Marcos Rey; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; o concelleiro do Grupo Municipal do PP Guillermo Juncal, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

 CAIXAS BRANCAS

As Caixas Brancas que Turismo de Pontevedra abriu en Fitur, fabricada polo Centro Ocupacional da Asociación Juan XXIII, conterán, ademais do material promocional da cidade para os visitantes que desexen participar na xincana urbana virtual (accesible desde a web de Visit Pontevedra), algún bono de restauración e hoteis para estimular o seu retorno á cidade.

Na súa intervención, Yoya Blanco agradeceu a colaboración de tódalas persoas que colaboraron no libro ‘Pontevedra de corazón’, así como no deseño das Caixas Brancas, “que levan no seu interior segredos dunha cidade milenaria e murallas medievais, de tesouros agochados de piratas, de camiños xunto ao río Lérez".  Blanco referiuse a Pontevedra como “unha cidade para chegar e para quedar, para desfrutala e para contala, para sentila e para amala".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta