Brañas de Laíño, a historia dun espolio e dun paxaro en perigo no medio dunha selva

É unha das zonas húmidas máis grandes de Galicia e con maior valor ambiental. Albergan gran cantidade de flora e fauna, entre ela a escribenta das canaveiras. De uso comunal, foron durante moitos anos a "despensa dos pobres", terra dos "mellores bois de Galicia", das primeiras cooperativas leiteiras. Hoxe están protexidas polas administracións: abandonadas.

Por Alicia Casas | Compostela | 30/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A escribenta das canaveiras é un paxaro que ten tamaño medio, canto rápido e cando está entre a vexetación emite un son suave e ascendente. Gústanlle as zonas húmidas e anda por Asia, norte de África e parte de Europa. Na Península Ibérica podemos atopala no norte de Portugal e tamén por aquí. Aínda que cada vez menos porque está en perigo de extinción.

Antes e despois da talla de salgueiros de TRAGSA no 2016. CEDIDA.
Antes e despois da talla de salgueiros de TRAGSA no 2016. CEDIDA.

A pesar de que é das poucas aves ameazadas que conta cun Plan de Recuperación a tendencia continúa a ser negativa. No último censo, de 2019, contabilizáronse unhas vinte parellas. Vinte parellas fronte ás case setenta do censo de 2005, o que supón unha redución dun 70% en só trece anos. Desas setenta parellas que había no 2005, 15 estaban nas Brañas de Laíño. Das vinte que quedaban no 2019, eran unha ou dúas as que quedaban nas brañas. 

As aves, di un comunicado de 2014 da Sociedade Galega de Ornitoloxía, son un dos grupos fáunicos máis significativos das zonas húmidas e a miúdo son utilizadas como bioindicadores do estado de conservación destes ecosistemas. O ecositema das Brañas de Laíño é o espazo que caracteriza o Concello de Dodro, entre Padrón e Rianxo e á marxe dereita do Ulla, e conforma unha área de riqueza ambiental de primeira magnitude. Gabiáns, cardeais, garzas ou merlos acuáticos conviven coa escribenta e outras aves en perigo de extinción entre herbas salgueiras, mentas, orquídeas e outras plantas tamén en perigo. 

Pero a sorte do paxaro parece tamén a sorte da braña, que protexida como a escribenta, forma parte de Red Natura 2000 e non sobra administración que a administre: a propia rede, a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio para a Transición Ecolóxica son autoridades competentes e dificultan levar a cabo accións tanto de iniciativa pública como privada. E non precisamente porque as actuacións non sexan necesarias, xa que como relata o escritor Manuel Lorenzo Baleirón no libro Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes da auga, os tempos nos que as ribeiras verdes do Ulla eran de uso comunal e constituían "a despensa dos pobres, un verxel do que sentirse orgullosos, unha terra de fartura nun tempo agre e miserento" nada teñen que ver con estes nos que as brañas parecen unha "selva".

Desta "selva" que son hoxe as brañas, di o concelleiro de Patrimonio e Medio Ambiente e veciño de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco: "os terreos son o que a natureza fixo con eles, o total abandono". Agora no canto de ter herbas para apañar os "pobres", hai árbores que aínda así tallan: "no 2016 a empresa pública TRAGSA tallou os salgueiros que estaban á beira das pistas. Agora as brañas son un espazo bonito de paseo e eses salgueiros daban sombra, non ten sentido cortalos porque as brañas xa non van volver dar herba para as vacas como daban antes. Houbo unha protesta grande por parte da veciñanza pero deulles igual, ao final cortaron". 

Ribeira do Ulla, nas Brañas de Laíño. CEDIDA.
Ribeira do Ulla, nas Brañas de Laíño. CEDIDA.

Porque tal e como explica Xoán Xosé Vicente Franco: noutro momento da historia o que caracterizou ás brañas foi a calidade do pasto e o seu manexo colectivo, que permitiu adicar a terra á cría de gando e á produción leiteira. Primeiro e dende finais do século XVIII as herbas de Laíño engordaron aos "mellores bois de Galicia" e a súa carne comercializouse nos mercados internacionais de Francia, Inglaterra e Portugal. Máis tarde, cara finais do século XIX, da cría de gando pasouse á produción leiteira coa creación dalgunhas das primeiras cooperativas galegas, que abastecían á comarca e a Compostela. Foi tamén a recolleita do xunco outros dos usos tradicionais que se perderon.

"Elas de Laíño son,

collen o xunco na braña,

vano vender a Padrón"

 

ESPOLIOS E OCORRENCIAS

A historia das Brañas de Laíño é, ao mesmo tempo, a historia de como esas terras que eran de todos e a todos alimentaban deixaron de selo. De como os aproveitamentos da terra se foron reducindo dadas as circunstancias do Golpe de Estado do 36, o espolio do monte veciñal por parte do Patrimonio Forestal do Estado, a emigración cara a Europa, o cambio no modelo produtivo coa creación de emprego industrial na comarca e a aceleración da tendencia coa entrada na Unión Europea.

"Os que saben o que foron noutrora as nosas brañas miran agora cos ollos conturbados esta selva mesta de agravios e de afrentas, de salgueiros e toutizos, porque non hai dor máis grande que lembrarse, na miseria, do tempo feliz."

Un relato de ocorrencias porque logo do espolio do monte, no 1992 e por mor da concentración parcelaria, o Estado devolveu as terras para despois volver sacalas. Coa Lei de Costas a Demarcación apropiouse de centos de hectáreas de terreos comunais e particulares e as herbas que eran de todos e a todos alimentaban deixaron de selo. "Miña avoa quedou coa metade delas porque coa concentración parcelaria solicitou xusto as da beira das Brañas (que era a mellor terra), e veu a Lei de Costas e ao final quedou sen nada", comenta Xoán Xosé Vicente Franco.

Ben é certo que o porvir das brañas puido ser peor do que é. No 1944, en sesión extraordinaria, a Corporación Municipal solicitou ao Instituto Nacional da Colonización a construción de canles perpendiculares dende o Ulla que chegaran até o límite das propiedades para conducir por aí ás mareas. Afortunadamente o INC denegou a proposta, que suporía desecar as brañas. Aínda que un pouco máis adiante o mesmo organismo tivo proposta: o regadío. Chegaron a contruir as canles pero non a funcionar. Quilómetros e quilómetros de cemento para regar terreos que xa de por si son inundábeis, cousas absurdas.

RESTAURAR OS NOMES

"Reserva Natural Fluvial del Río Ulla-Deza" son as palabras que elixiu a administración autonómica para nomear ás Brañas de Laíño. Un "eufemismo", escribe Lorenzo Baleirón, que a veciñanza non entende e co que non se identifican. E engade: 

"Cando hai trinta anos as escavadoras da concentración parcelaria irromperon nas vellas aldeas de Laíño houbo quen se deitou diante delas tratando de atrancarlles o paso, pero foi en van. Achanzaron sen dó as topografías familiares, os sinais minuciosos cos que viñeramos marcando a tona dura da terra, as estremas, os marcos: os piares do mundo. Emborcárono todo e virárono do revés, pero non derrubaron tan só arrós e congostras, lameiros e 'berghelas'; o caso é que removeron tamén os seus nomes verdadeiros."

O concelleiro de Cultura, Patrimonio, Turismo e Medio Ambiente cóntanos que precisamente esta semana o Laboratorio Ecosocial do Barbanza presentou un estudo do caso. Xoán Xosé Vicente explica, en relación ao porvir, que hai dúas vías: unha delas considera que é mellor non intervir e facer do espazo unha especie de observatorio da natureza e a outra considera que é desexable intervir con algunha acción destinada á agricultura ecolóxica.

O catalogador de Patrimonio tamén explica que hai xa tres anos pediron facer unha sinalización das rutas existentes e un pequeno observatorio de aves e non lles deixaron: "Foi deixadez, porque hai informes sectoriais que non facían falta e aínda non viñeron. Houbo moitísimas trabas. Pero imos intentalo o ano que vén outra vez. Sobre o observatorio de aves dixéronnnos que non podía ser permanente, bueno, farémolo como digan".

Xoán Xosé Vicente cóntanos, ademais, que non hai moito foron aí polas brañas uns estudosos a facer unha prospección arqueolóxica para ver se atopaban un porto vikingo e "non foron capaces de mirar" de tanto sedimento que había. Sobre a escribenta, di, "é un caso curioso porque vai desaparecendo conforme a xente deixa de apañar as brañas, parece ser que se alimentan duns vermes que xorden cando se apañan".

No último censo de 2019 do paxaro apuntabase non só a existencia desas vinte parellas galegas, das cales unha ou dúas quedaban en Laíño, senón que os expertos expresaban as súas recomendacións para o restablecemento da especie. Entre elas figuraba a restauración do hábitat das súas localidades de cría coñecidas a unha situación o máis parecida posible á existente na segunda metade do século XX. E a sorte da braña parece tamén a sorte do paxaro.

Vista das Brañas de Laíño. CEDIDA
Vista das Brañas de Laíño. CEDIDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta