(Vídeo) Este é o impacto "irreparable" da construción de parques eólicos sobre a paisaxe

A asociación Roxín Roxal vén de publicar un vídeo no que amosa o estado no que se atopa a Serra do Iribio, un espazo no que se paralizaron as obras dun parque eólico. "Que sirva de referencia na loita contra a ameaza de todos os incontables macroproxectos aos que se enfronta Galiza”, sentenzan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xustiza detivo a construción do Parque Eólico na Serra do Iribio, zona especial de conservación (ZEC) Os Ancares-Courel, a finais do ano 2019. Nese momento, a Xunta de Galicia mandou paralizar as obras, pero estas xa estaban bastante avanzadas. Máis dun ano despois, a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal vén de publicar un vídeo no que mostra o estado en que se atopa actualmente a Serra. “No Iribio, o mal está feito. A destrución do medio xa é irreparable”, aseguran ao tempo que se poden observar os “destragos” provocados polas obras iniciadas para os megaxeneradores eólicos. 

O estado actual da Serra do Iribio tralas obras para a construción dun parque eólico paralizado pola xustiza
O estado actual da Serra do Iribio tralas obras para a construción dun parque eólico paralizado pola xustiza | Fonte: Roxín Roxal

Zonas restrinxidas ao acceso, grandes infraestruturas de formigón ou restos de obra son a nova realidade do Iribio. Dende Roxín Roxal fan un chamamento para que o acontecido nesta serra “sirva de referencia na loita contra a ameaza de todos os incontables macroproxectos” que se espallan ao longo do país. Poñen o foco, concretamente, no Monte do Gato, un dos cumios máis altos e referente xeográfico da comarca de Betanzos con 512 metros de altura, ameazado pola construción dun parque eólico: “Non deixemos que poñan un pé ou pagarémolo caro”, sentenzan. 

ROTEIRO POLO MONTE DO GATO

Precisamente a Asociación acaba de realizar un roteiro pola zona do Monte do Gato co obxectivo de "estudar e difundir os valores arqueolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos deste espazo senlleiro, pero tamén para afondar na seria ameaza á que se ve sometido". A primeira vista, denuncian, "comprobamos como as administracións non se ocupan do propio patrimonio arqueolóxico e permiten que o mato oculte unha sobranceira riqueza, contribuíndo con este desleixo ao seu esquecemento e destrución". No que respecta á sinalización, o único panel existente está "mal orientado e a súa contorna cuberta polas silvas".

Todo isto, nun contexto no que avanza o proxecto para a construción dun macroparque eólico "de máxima capacidade e rendibilidade para as empresas" que ocuparía boa parte do territorio deste monte. "Tal empeño amparado pola Xunta de Galicia supón un múltiple atentado contra o ecosistema, o patrimonio cultural e a sociedade", sentenzan dende a asociación. "O pretendido megaproxecto converte o Monte do Gato, conxuntamente coas Brañas do Deo (propostas como LIC para a ampliación da Rede Natura), nunha zona máis de sacrificio no tan castigado mapa galego", engaden. 

A raíz do presenciado na Serra do Iribio, a asociación Roxín Roxal pon o foco nas "devastadoras operacións que require a construción de accesos e a instalacións de colosais aeroxeradores, así como a desproporcionada área poligonal que vai ser gravemente afectada durante o posterior funcionamento", todas elas consecuencias "irreversibles" das que non se informa dende os organismos responsables, lembran. "Isto vai supoñer grandes impactos que provocan alteracións a niveis de máximas repercusións xeolóxicas, do solo, da hidroloxía, da flora e da fauna" Engaden ao dito a "redución que supón de zonas de pradaría para explotacións gandeiras e para outros pastoreos" e tamén a "afectación na saúde da veciñanza", provocada pola proximidade dos propios megaaeroxeradores de nova xeración e polas "inmensurables redes de alta tensión" que percorren milleiros de quilómetros.

Por todo isto, instan a Xunta de Galicia a que "aprobe definitivamente a ampliación da Rede Natura, declarando novos espazos protexidos e ampliando os existentes". Ven "lamentable" que Galicia se sitúe nas cifras "máis baixas" de espazos protexidos de todas as CCAA de Estado Español e leve un "total desfase" en relación a Europa. Así mesmo, dende Roxín Roxal diríxense ás Administracións locais dos concellos de Oza-Cesuras, Coirós e Aranga para reclamar unha "inmediata e urxente intervención de limpeza e sinalización das mámoas no Monte do Gato actualmente cubertas de toxal ata quedar a maioría delas completamente invisibles". Insisten igualmente na necesidade da eliminación de eucaliptos, "moitos deles ata improdutivos, que estragan a grandeza visual" da paisaxe do Monte do Gato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta