Os macroparques eólicos, a nova loita social e ecolóxica de Galicia

Máis dunha vintena de colectivos unénse contra as novas explotacións eólicas nunha gran marcha convocada para o 5 de xuño. Advirten de que supoñerán a "destrución de patrimonio público e colectivo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Unha marcha percorrerá as rúas de Santiago o próximo 5 de xuño con motivo do Día Mundial do Medio, que se celebra ese día, para esixir a paralización inmediata dos proxectos eólicos que se atopan en tramitación na Xunta e o Goberno e que afectan a territorio galego.

A mobilización foi convocada baixo o lema 'Eólica Así non!' por máis de 20 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais de Galicia e partirá ás 12,00 horas da Alameda compostelá. Posteriormente, percorrerá a cidade ata a praza do Obradoiro, onde se lerá un manifesto e gardarase un minuto de silencio simbólico polos territorios que "foron destruídos" ou "ven ameazados pola ocupación eólica".

Deste xeito, os colectivos convocantes pedirán a moratoria das novas instalacións e a derrogación do Plan sectorial eólico de Galicia e as leis de fomento da implantación de iniciativas empresariais e de simplificación administrativa ao considerar que representan un "atropelo" contra a participación pública e a preservación do medio, o patrimonio e a paisaxe. Por iso, denuncian que o modo no que a Xunta "concibe e permite a implantación eólica" baséase na "desreglamentación legal", o "abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas", a "destrución de patrimonio público e colectivo" e "intereses de carácter privado e especulativo".

MANIFESTO ABERTO Á ADHESIÓN

Nunha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago, a portavoz de Rede Galega por un Rural Vivo, Jessica Rey, indicou que o manifesto que se lerá tras a marcha está aberto á adhesión de colectivos e plataformas, mentres que os particulares poden manifestar o seu apoio ao participar na mobilización. Así, incidiu en que Galicia representa unha das comunidades cunha maior presenza de parques eólicos e criticou que a distancia esixida respecto dos aeroxeradores "sexa a mesma" a pesar de que o seu tamaño pasou de situarse en 70 metros a alcanzar os 200.

Jessica Rey tamén lamentou que a normativa correspondente se atope "obsoleta" e advertiu de que a instalación dos parques proxectados suporá "acabar coa Galicia rural", polo que demandou que a transición enerxética que se leve a cabo sexa "xusta".

Neste sentido, o portavoz da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Roi Cuba, afirmou que a execución destes proxectos suporá unha afectación á flora, a fauna e os recursos naturais da comunidade, que "non se poderán recuperar". Por iso, chamou a unha mobilización "masiva" para pedir unha moratoria ao novo modelo eólico co obxectivo de que "se estude ben" o seu impacto no territorio. Ademais, o membro da Federación Rural Galega (Fruga) Miguel Dacal criticou que "menos do 1% dos beneficios" sexan percibidos polos propietarios dos terreos, fronte ao "99% que reciben as multinacionais" e tachou de "espolio" dos recursos os proxectos expostos.

CUSTO DA SUBMINISTRACIÓN

Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que a produción enerxética da comunidade supere ao seu consumo, pero que a súa subministración "sexa un dos máis caros do Estado". Así as cousas, afirmou que o próximo 5 de xuño dará comezo "unha resposta" da cidadanía a esta situación. Así mesmo, o representante de Rede de Patrimonio Cultural Santiago Llecha alertou de que a instalación dos parques eólicos proxectados afectará a "un abundante patrimonio que permanece invisibilizado", como hórreos e muíños, e poderá supor "perder unha parte da Historia propia".

Os portavoces de Rede Galega por un Rural Vicvo, Adega, Fruga, Rede de Patrimonio Cultural e o secretario xeral da CIG durante a rolda de prensa
Os portavoces de Rede Galega por un Rural Vicvo, Adega, Fruga, Rede de Patrimonio Cultural e o secretario xeral da CIG durante a rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta