Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2021 | Actualizada ás 19:02
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que o Ministerio de Traballo e Economía Social transferirá á Xunta 170.276.722 euros para financiar a nova xeración de políticas activas de emprego.
"Estes fondos permitirán á Xunta, ao longo dos próximos meses, o desenvolvemento das medidas correspondentes aos servizos e programas de formación e emprego, de xestión de oportunidades, de formación profesional e de modernización dos seus servizos públicos de emprego", explica a Delegación do Goberno.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este luns a orde coa repartición definitiva e pola que se materializa o acordo da Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais do pasado 28 de abril.
A cantidade procede dos fondos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) aprobados no Consello de Ministros do 13 de abril de 2021 "e que supón unha das maiores consignacións orzamentarias destinadas a este fin da serie histórica". "Reflexo directo da potenciación do vector laboral nos orzamentos estatais", engade o delegado do Goberno.
Tamén explica que esta repartición "supera nunha única transferencia os dous acordos de distribución de orzamentos para estas políticas de emprego do ano pasado, de tal forma que Galicia poderá dispor de todas as partidas nun único pago".
A esta cantidade, lembra, sumaranse as reparticións que se acorden dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que non están incluídos neste orzamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.