É máis difícil aprobar 2º de Bacharelato en Galicia que no resto de Comunidades?

A Confederación de Anpas Galegas denuncia un choque entre leis autonómicas e estatais que podería levar a unha "desigualdade" entre alumnos. Segundo apuntan, un estudante galego tería que aprobar todas as materias, mentres que o doutra comunidade podería promocionar con tal de que a media total dera 5.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A Confederación de Anpas Galegas volve cargar contra as medidas da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A área autonómica comandada por Román Rodríguez volve estar no punto de mira das asociacións de nais e pais, que, tras varios meses de moderada calma, veñen de dirixir un escrito á Consellería para facer notar a situación de “desigualdade” á que, ao seu ver, está sometido o estudantado de segundo de bacharelato en Galicia.

Estudantes realizan os exames de Selectividade en xuño de 2020.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes realizan os exames de Selectividade en xuño de 2020.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A cuestión denunciada pola Confederación de Anpas Galegas estribaría nunha diferenza de regulación entre o Goberno Central e a Xunta que, de acordo coa súa versión, implicaría que aprobar o bacharelato fora máis difícil en Galicia que noutras comunidades españolas. Dende as Anpas ligan esta problemática á dinámica de “improvisación” que, segundo subliñan, impera na Consellería de Educación no que á xestión da pandemia refire. 

Así, a Confederación subliña as dificultades deste “curso estraño” no que o estudantado se viu prexudicado “polas circunstancias” pero tamén “pola improvisación desta consellería”. A problemática, segundo apuntan, tería afectado en especial á rapazada deste derradeiro curso antes do ensino superior, que, segundo a normativa galega, tería que aprobar todas as súas materias para poder promocionar. 

A contradición legal comeza co Real Decreto-lei 31/2020 do 29 de setembro, co que o Goberno central impulsa medidas “urxentes”, segundo as Anpas, para adaptar o curso á pandemia. O cambio máis importante neste eido estaría en que a repetición do ano académico pasaría a ser considerada unha medida “excepcional” e que tan só tería lugar no caso de que a media de todas as materias fora menos que 5 e así o dispuxese o equipo docente. É dicir, que se podería aprobar con materias suspensas.

O CASO GALEGO

Pero a regulación galega é distinta. Porque a Xunta, unhas semanas máis tarde, validou un decreto do verán anterior no que mantiña a obrigatoriedade de ter aprobadas todas as materias do primeiro e segundo curso que conforman o ciclo. Unha circunstancia que dende as Anpas ven discriminatoria en tanto que, de cara ás vindeiras semanas de fin de curso, podería levar á conformación de dúas varas de medir con graos distintos para estudantes galegos e doutras CCAA.

“[Os estudantes de 2º de BAC] foron quen máis sufriron os recortes de períodos lectivos, do pasado curso, mesmo do principio deste; e por riba agora son quen están vendo reducidas as súas posibilidades reais por culpa dunha discrepancia política que non debera afectalos”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta