Feijóo trasladará ao Papa Francisco o vindeiro luns a "importancia" da celebración do Xacobeo

O presidente da Xunta non poderá acudir á manifestación na Praza de Colón contra os indultos aos líderes independentistas cataláns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2021 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, viaxará o vindeiro luns 14 de xuño ata a Santa Sede para reunirse co Papa Francisco. Neste encontro, estará acompañado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.

Así o confirmou este domingo o Goberno galego nun comunicado, no que avanza que o presidente exporá "a importancia" que ten a celebración do Xacobeo 2021-2022 para Galicia no seu conxunto, así como para todos os peregrinos que deciden emprender o Camiño.

Feijóo tamén aproveitará o encontro para trasladarlle ao Papa "o seu agradecemento e o de todos os galegos" por decidir ampliar ata 2022 o Ano Santo.

Esta extensión, engade a Xunta, brindará "moitas máis oportunidades a Galicia e aos visitantes que se queiran achegar" a visitar a Comunidade, tendo en conta que a pandemia aínda impón limitacións á mobilidade global.

Ademais, o presidente galego exporá ao Sumo Pontífice "os esforzos" que realiza o seu Executivo para "garantir un desenvolvemento seguro" do Xacobeo e para promocionalo no mundo "como unha porta aberta á espiritualidade e calma en tempos tan complexos".

O propio Feijóo xa confirmara o pasado mércores, na rolda de prensa posterior ao Consello, que sairía de viaxe o domingo 13 --día antes da súa reunión co Papa--, polo que non podería acudir á manifestación na Praza de Colón de Madrid convocada pola plataforma Unión 78 contra os indultos aos líderes independentistas cataláns, na que si participarán dirixentes do Partido Popular.

Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA
Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta