Os traballadores de Pórtico aproban o ERE extintivo para o 60%

Os asalariados dan o visto bo por maioría a un plan polo que serán despedidas 200 persoas. O comité consegue que se lles actualice a base de cotización ao recuperar o 7,5% da rebaixa salarial pactada en 2012 e o 1% de revisión en 2013. Duras críticas do representante de CCOO aos directivos da empresa e os políticos.

Por Alberto Quian | Vigo | 15/11/2013 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

Finalmente, e cando xa expiraba o prazo, os traballadores de Pórtico renunciaron o conflito laboral e por ampla maioría decidiron aprobar o Expediente de Regulación de Emprego extintivo polo que serán despedidos 200 asalariados, dun total de 363, de almacéns, tendas e oficinas. 

Tenda de Pórtico Básico no centro de Vigo
Tenda de Pórtico Básico no centro de Vigo | Fonte: Miguel Núñez

En asemblea, os traballadores da provincia de Pontevedra aceptaron na noite do xoves a proposta de ERE con 148 votos a favor, 48 en contra, un nulo e dez en branco. A estes votos sumáronse os dos 70 traballadores das outras provincias, que pouco podían variar xa o resultado final, que foi de 178 votos a favor do Expediente de Regulación de Emprego extintivo para o 60% do cadro de persoal, cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de doce mensualidades.

O resultado das votacións, secretas, causou certa contrariedade entre algúns asalariados e representantes dos traballadores, que recoñecen "o difícil que é explicar por que os traballadores aproban un plan que afecta a maioría do cadro do persoal", comentaron a GC diversas fontes da empresa.

David Vales, representante de CCOO no comité de empresa, recoñece que "a xente está cansada pola situación que arrastramos e moitos querían rematar xa con todo isto". Pero tamén entende que teña sido un factor "determinante" que se conseguise que aos despedidos se lles actualice a base de cotización ao recuperar o 7,5% da rebaixa salarial pactada en 2012 e o 1% de revisión en 2013.

Ademais, o comité acadou tamén o compromiso da empresa para que, no caso de que se produzan despedimentos durante o ano 2014, estes se fagan coas mesmas garantías pactadas no ERE.

O certo é que o comité de empresa tentou rebaixar nas negociacións entre un 30% e un 50% os despedimentos, pero se atopou coa oposición frontal do administrador concursal e coa realidade da empresa: non hai carga de traballo e o almacén está practicamente parado. E sen marxe de manobra, só puido conseguir as devanditas garantías salariais máis o compromiso de que se cree unha bolsa de traballo para que os traballadores despedidos podan acollerse a ela con prioridade e recuperar os seus postos no caso de que a empresa remonte e faga novas contratacións nun futuro

Con todo, o ERE extintivo non é a solución final para Pórtico. A chave para que a que fóra unha das alfaias económicas da comarca de Vigo continúe activa téñena os bancos e acredores.

"Isto só é un paso. Pero a viabilidade de Pórtico segue dependendo do que digan os bancos que teñen a débeda da empresa e o resto de acredores. Se estes non aceptan o plan de viabilidade, o sacrificio que fixemos non valerá de nada", advirte David Vales, "apesarado por ter que asinar o despedimento de moitos compañeiros", confesa.

A realidade do Grupo Pórtico mudou en apenas medio ano. De ser un gran grupo, pasou a ter practicamente paralizada a súa actividade, desfacerse da firma de complementos Dayaday e, agora, a reducir o seu cadro de persoal nun 60%. Fontes consultadas por GC recoñecen que os máis beneficiados nesta crise foron as empregadas de Dayaday, agora administrada pola catalana Tous, xa que se comprometeron a manter o 100% dos postos de traballo, un total de 102.

Críticas á familia Castro e os políticos

Durante anos, o Grupo Pórtico foi coñecido popularmente como "o Inditex do sur de Galicia" polo seu modelo de negocio e éxito comercial. Porén, erros estratéxicos da dirección da empresaa familia Castro— levaron o grupo ao desastre financeiro, que agravou a crise comercial pola que pasa o sector, até levalo o concurso de acredores.

A débeda global do grupo é de 55 millóns de euros con máis de 50 acredores: 43.095.900 euros de Pórtico, 6.231.885 euros de Dayaday e 5.709.698 de Silomundi.

Unha desfeita económica que xa se estaba xestando nos últimos anos, cando a familia Castro ía por Galicia recollendo distintos premios ao emprendemento, algún de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así, por exemplo, Emilio Castro, presidente do grupo, recibiu en 2011 a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro Vigo e un ano antes, os Castro recollían o premio da Asociación da Empresa Familiar de Galicia pola súa traxectoria.

Agora, os froitos recollidos da súa xestión non son premios, senón fracasos que se levan por diante os postos de traballo de 200 traballadores. Por todo isto, David Vales, de CCOO, non dubida en cominar á dirección de Pórtico a que "non repita os erros do pasado" e a que "aprenda destes erros que cometeron" na súa xestión. Porque o desastre empresarial, insiste, "non foi por culpa dos traballadores, senón dunha mala xestión á que se engadiu a crise do noso sector".

Pero Vales tamén ten palabras moi duras para a clase política do país: "Se os políticos están para dar premios e tomar pinchos cos empresarios, tamén deberían estar cos traballadores cando nos aplican un ERE", critica o representante de CCOO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta