Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 19:50
O sector ferroviario de CGT en Galicia informou de que remitiu un escrito á Presidencia e á Dirección Xeral de Renfe no que esixe "melloras" no ferrocarril galego que permitan "consolidar o tren como medio de transporte de referencia" na Comunidade.
"Consideramos que no actual escenario de alta ocupación dos trens de media e longa distancia é preciso consolidar o actual servizo ferroviario e mellorar na oferta de prazas", aseverou, antes de engadir que, para iso, é preciso incorporar "material ferroviario ao parque de vehículos" destinados á comunidade.
CGT tamén demanda incrementar o persoal de maquinistas, de atención ao viaxeiro e de mantemento de vehículos, así como o investimento en novas infraestruturas como un taller de mantemento de vehículos de longa distancia en Galicia.
Así mesmo, pon o foco en "grandes proxectos pendentes, como a implantación de proximidade no corredor Ferrol-A Coruña-Santiago, e Santiago-Pontevedra-Vigo, ou o saída sur de Vigo, que require de "importantes investimentos e tempo".
CGT, por último, incidiu en que aínda que Renfe puxo á venda os trens de longa distancia "con algunha modificación sobre os horarios polo recorte de tempos de viaxe e pendente de incorporar o horario da nova relación Vigo-Madrid", aínda están "bloqueada" a venda dos trens de media distancia a partir do 9 de xuño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.