Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2025 | Actualizada ás 13:57
Adega, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a CIG anunciaron que iniciarán accións legais mediante un contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia polo procedemento de concesión de auga solicitado por Altri. O recurso xudicial céntrase na denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente por transcorrer o prazo máximo legal sen que a Xunta emitise resolución. O presidente galego xa respondeu que este tipo de recursos teñen motivacións "políticas".
As organizacións explicaron que a tramitación da concesión de Altri, que solicita 46.000 m³/día, debería ter resolto a súa petición no prazo máximo de 18 meses, que rematou o 30 de maio de 2024. A súa solicitude de declaración de caducidade do expediente, presentada en febreiro, quedou sen resposta, e posteriormente a presidenta de Augas de Galicia desestimou o recurso en alzada, permitindo que a autorización puidese concederse fose do prazo legal.
Adega, PDRA e CIG critican que a demora xera inseguridade xurídica e prexuízo ao interese público, recordando que miles de alegacións cidadás se opuxeron á concesión. As entidades defendían que o caudal solicitado por Altri debería destinarse a usos ambientais e de abastecemento, en lugar de aos fins industriais da pasteira portuguesa.
"UN PROXECTO QUE NACEU MORTO"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a denegar de inmediato a autorización industrial a Altri, proxecto que cualificou de “naceu morto”. Avanzou que o seu partido presentará varias iniciativas no Parlamento de Galicia para paralizar a instalación desta planta de fibras téxtiles en Palas de Rei.
Segundo Besteiro, Altri é “unha iniciativa inviable” técnica, ambiental e economicamente, xa que non recibiu axudas por non cumprir requisitos de descarbonización, se lle denegaron fondos para proxectos innovadores e a súa conexión eléctrica non encaixa na planificación. O líder socialista afirmou que o proxecto é “fume e propaganda” e destacou os seus efectos negativos a nivel medioambiental, económico e social.
O secretario xeral puxo en valor as oportunidades que se abren coa planificación eléctrica 2025-2030 e criticou ao PP por non impulsar proxectos industriais novos en Lugo. “O que se desenchufa é Altri, non a provincia”, subliñou, asegurando que en Lugo hai viabilidade para proxectos industriais, pero que a Xunta non os promove.
Finalmente, Besteiro destacou que a decisión final é competencia exclusiva da Xunta e que xa non existen pretextos para adiar a resolución. Acusou ao PP de “enganar á cidadanía cun proxecto que nunca verá a luz” e advertiu que mentres se manteña esta “ficción”, Galicia seguirá perdendo oportunidades industriais reais e con futuro.
MOTIVACIÓNS "POLÍTICA"
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este luns que quen desexe recorrer por vía xudicial calquera decisión sobre Altri "está no seu dereito", pero deu a entender que algún paso neste sentido podería ter intencións políticas que, en todo caso, "cualificarían en por si" aos seus promotores.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda defendeu que as decisións da Xunta, incluída a luz verde ambiental, foron tomadas "por técnicos". "Se a partir de aí alguén decide facer unha demanda xudicial pola concesión de augas, podo dicir que todo foi avaliado tecnicamente, e que está no seu dereito", defendeu. "Se recorre de boa fe e sen motivos políticos, entón nada que dicir", continuou, antes de matizar que se o paso esconde algún tipo de intencionalidade política, quen dan o paso "cualifícanse a si mesmos".
Doutra banda, reiterouse en que a exclusión de Altri da conexión eléctrica é "unha decisión absolutamente política" do Goberno que dirixe Pedro Sánchez. "Baseada en criterios políticos. Non hai outra razón e non recibimos ningunha outra explicación", insistiu. Sobre o feito de que a declaración ambiental integrada de Altri siga pendente, Rueda volveu a aludir ás decisións do Goberno central de "deixalos sen fondos e sen conexión", e incidiu en que a Xunta cumpre de forma "estrita" co proceso "marcado pola normativa".
"Se no camiño a empresa toma outras decisións, pois xa non tería sentido. Pero se non, seguiremos cumprindo os trámites", garantiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.