A oposición ve "rancia" e "errática" a postura sobre os indultos do procés do PP, que chama a "consensos"

Puy (PPdeG) afea a Sánchez que "asuma a linguaxe" dos independentistas, algo que "debilita a posición de España".

Por E.P. | Compostela | 07/06/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Os partidos da oposición en Galicia, BNG e PSOE, consideran que o PP recae na "mesma estratexia errática" e "rancia" á hora de encarar o conflito en Cataluña coa postura adoptada ante a posibilidade de que os políticos independentistas condenados pola súa participación no procés sexan indultados.

Ante a chegada a Galicia da campaña de recollida de firmas que o PP puxo en marcha para solicitar apoios contra os indultos, o portavoz dos populares galegos no Parlamento autonómico, Pedro Puy, manifestou que a postura do seu partido "é a mesma que a do Tribunal Supremo e a de Fiscalía".

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, Puy, que recoñeceu que aínda non se sumou coa súa firma á campaña do seu partido, sinalou que son "os primeiros partidarios" en querer que Cataluña "recupere a normalidade democrática" e "abandone a vía de división social" que, di, impuxeron os partidos independentistas. Neste sentido, cre que os indultos aos políticos condenados "non van contribuír en exceso" aos "consensos" que, ao seu xuízo, son necesarios para avanzar por esa vía.

BNG: INDULTOS E AMNISTÍA

Sobre este asunto, tamén este luns noutra comparecencia de prensa no Parlamento galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sentenciou que o PP "repite a política errática" que puxo en marcha contra a reforma do Estatut de Cataluña, finalmente tombada no Tribunal Constitucional despois dunha campaña iniciada polos populares.

Pontón suliñou que a postura do BNG sobre a situación en Cataluña "é coñecida". "Estamos a favor dos indultos e mesmo de que haxa unha amnistía", aseverou antes de apuntar que o "conflito político" catalán "require solucións políticas".

PSDEG: MECANISMOS "DE ENCONTRO"

Por último, o portavoz dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, afeou ao PP que "non estea disposto a buscar solucións" para a situación en Cataluña cando "di estar tan de acordo coa transición e o seu espírito", un tempo no que, segundo o do PSdeG, puxéronse en marcha mecanismos "de encontro, reconcialiación e perdón".

Precisamente iso é o que, segundo Caballero, pretende o Goberno coa posibilidade de indultar aos políticos independentistas cataláns, todo iso dentro dun marco "de respecto ao estado de dereito" e en aras "do interese xeral".

Concentración convocada pola plataforma 'Galiza con Catalunya' en Santiago de Compostela tras a sentenza do procés
Concentración convocada pola plataforma 'Galiza con Catalunya' en Santiago de Compostela tras a sentenza do procés

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta