Absoltos de prevaricación tres exmembros do INSS da Coruña por revogar a incapacidade a un traballador

O denunciante, que sufriu unha intoxicación por mercurio, logrou o recoñecemento nos tribunais.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/06/2021 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal número 3 da Coruña absolveu a tres exmembros do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nesta cidade por revogar a incapacidade absoluta permanente a un traballador que sufriu unha intoxicación por mercurio, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

En concreto, por uns feitos de 2014, estaban acusados o entón avaliador xefe da unidade médica do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI); a persoa que exercía de presidente do mesmo e o entón máximo responsable da dirección provincial do INSS da Coruña.

A xuíza relata que o denunciante, segundo consta na sentenza, prestaba os seus servizos nunha empresa coa categoría de operario de fabricación de rótulos desde o ano 2003 e, debido ao traballo realizado na montaxe de tubos fluorescentes, estivo exposto a mercurio.

Cursou baixa por incapacidade laboral temporal con posteriores recaídas, as cales derivaron nun expediente de incapacidade permanente en grao total con data 10 de marzo de 2011 e, posteriormente, nunha incapacidade permanente absoluta desde xuño de 2012 con diagnóstico de "intoxicación por mercurio a estudo". Inicialmente, segundo consta na resolución, denegóuselle a declaración das continxencias de enfermidade como profesionais.

DESCARTA UNHA DECISIÓN "ARBITRARIA"


"No presente caso non se practicou proba algunha que permita ter por probado que se ditou polos acusados unha resolución arbitraria", indica a xuíza na sentenza, á vez que subliña que os tres investigados explicaron "as razóns que motivaron a adopción das resolucións impugnadas e o procedemento que se seguiu na súa elaboración".

Eses aspectos, segundo o fallo, "poden ser criticados ou mesmo considerados erróneos ou irregulares polo denunciante, pero en ningún caso poden ser cualificados de delituosos".
A xuíza destaca que a revogación das resolucións administrativas na vía xurisdicional "non implica que estas sexan delituosas". Ademais, recalca que, neste caso, "non existe proba algunha de que os acusados pretendesen causarlle ao denunciante prexuízo algún".

Así, asegura que "non se acreditou que actuasen a propósito, coa intención deliberada e plena conciencia de estar a ocasionar un resultado materialmente inxusto e á marxe do ordenamento xurídico".

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta