As aldeas galegas suman forzas para evitar quedar "rodeadas" de eólicos

A loita contra a "avalancha" dos aeroxeneradores chega a Monfero tras o anuncio dun parque proxectado sobre zonas protexidas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Galicia segue sumando armas na loita contra a chamada “invasión eólica”. A avalancha de proxectos de aeroxenerados nados ao abeiro da regulación cada vez máis laxa da Xunta de Galicia vén de derivar nunha rede de mobilizacións ecoloxistas e veciñais que seguen a medrar conforme se coñecen máis e máis parques proxectados por diversas empresas.

Mosteiro de Santa María de Monfero
Mosteiro de Santa María de Monfero | Fonte: wikipedia

O derradeiro en facer saltar á veciñanza circundante é o Parque Eólico Pena de Corvo, situado no concello coruñés de Monfero. Segundo apuntan os veciños, o proxecto implicaría atravesar o conxunto do territorio municipal, “dende Caaveiro até o Convento de Monfero”, dous espazos singulares e patrimonialmente moi relevantes polas construcións que alí se asentan.

Os veciños mobilízanse tamén porque a construción deste parque eólico de 13 aeroxeneradores implicaría pechar un total de 3 parroquias dentro das poligonais do recinto. É dicir, que máis de 35 lugares aínda habitados pasarían a estar rodeados de torres, co evidente prexuízo que iso comporta para a vida na zona.

RURAL BALEIRADO

O emerxer da loita veciñal acontecido nas últimas semanas, e que vén de sentar un precedente na mobilización masiva do pasado sábado 5, fai fincapé nas consecuencias que a implantación desta clase de parques comporta á hora de dificultar a habitabilidade dos municipios e lugares próximos. “Quen vai querer mercar unha casa que quede dentro dos límites dun parque eólico?”, preguntábanse semanas atrás na Costa da Morte. 

Na zona de Monfero critican á parte que as poligonais do parque collan tamén “numerosas explotacións gandeiras”, “así como parte do contorno do ZEC/LIC Parque Natural Fragas do Eume e o Camping Fragadeume”, unha problemática que podería implicar a ilegalidade do parque polas restricións propias da Zona de Especial Conservación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta