Feijóo non irá á manifestación de Colón porque voará a Roma para preparar a reunión co papa Francisco

Xustificou que, aínda que se reúne o luns co pontífice, antes ten que participar en reunións previas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un dos 'baróns' do PP que non estarán o domingo na manifestación de Colón contra os indultos aos presos do 'procés' catalán, concretou este xoves, a preguntas dos medios, que voa a Roma na mañá desa mesma xornada e xustificou que, aínda que se reúne o luns co papa Francisco, antes ten que participar en reunións previas.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

Así o ratificou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que foi preguntado polo horario do seu voo, dado que hai conexións que lle permitirían participar ás 12,00 do domingo na manifestación na que coincidirán cargos de PP, Vox e Ciudadanos, e chegar con tempo á súa audiencia do luns co Sumo Pontífice.

"Agradézolle que me diga as distintas opcións que hai, pero irei no voo que tiña previsto ir. Creo lembrar que me vou o domingo desde Vigo ás 9,30 a Madrid e que alí collerei un voo sobre as 12,00 a Roma. Se teño que ensinarlle os billetes, non teño inconveniente, pero non creo que teña iso moito interese mediático", contestou á xornalista que lle formulou a pregunta.

Dito isto, aludiu aos "protocolos" do Vaticano, aos que ten que axustarse, e incidiu en que "cando un vai a Roma" hai que manter unha serie de "contactos" adicionais e previos á audiencia co papa "por razóns obvias".

"Están os embaixadores e están outras autoridades eclesiásticas galegas que tamén foron moi importantes, xunto ao arcebispo de Santiago (Julián Barrio), para conseguir esa audiencia", argumentou.

Non en balde, Feijóo aludiu a que é preciso "cumprir" os protocolos das institucións que "convidan" a unha audiencia deste tipo e lembrou que, de feito, cando anunciou que non iría a Colón esgrimiu que tiña unha viaxe que llo impedía, pero non puido anunciar onde porque os protocolos tamén determinan como e cando informar sobre iso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta