Feijóo a Sánchez: "Non se pode xestionar unha pandemia sen protocolos e a golpe de titulares"

Sobre a súa insistencia nas últimas semanas en pedir a fin da máscara en espazos públicos, asegura que o dicía por recomendación do "comité clínico" e en base á taxa de vacinados de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo, volveu cargar contra o Goberno central de Pedro Sánchez, pola nova normativa sobre o uso da máscara en espazos públicos, que entra en vigor este sábado, e denunciou que "non se pode xestionar unha pandemia a golpe de titulares e sen protocolos". Unhas críticas que xa son habituais no presidente galego que tenta confrontar co Executivo central desde que comezou esta crise sanitaria, especialmente, no que ten que ver aos protocolos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na videoconferencia co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na videoconferencia co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos.. XUNTA

Precisamente, Feijóo acusou a Sánchez de tomar "medidas políticas" e "non sanitarias" ao anunciar a data do novo protocolo de uso de máscaras na rúa "sen consultalo coas autonomías" ou coas "autoridades sanitarias". Un debate, o das datas, que, curiosamente, o propio presidente galego levaba semanas alimentando, insistindo e pedíndolle mesmo ao goberno central que puxera xa data para esa medida.

Por iso, Galicia Confidencial preguntoulle se non consideraba que as súas críticas ao Goberno central tamén eran "políticas". "O comité clínico da Xunta era o que falaba das datas, non eu, e o facía tendo en conta o número de vacinados en Galicia", contestou. "Se tiveramos a media de vacinados de España pois igual non planteabamos o de quitar a máscara como fixo o meu colega de Andalucía", sinalou.  En todo caso, aclarou que el "nunca puxo unha data", senon un "horizonte" de actuación. 

Neste sentido, vinculou directamente o anuncio de Pedro Sánchez co conflicto catalán e coa aprobación dos indultos aos presos do procés e criticou que o Goberno central só "ensinou un papel" coas novas medidas "sen discutilas, nin falalas" e que "ao día seguinte xa apareceron publicadas no BOE". 

En todo caso, Feijóo destacou que o seu protocolo coincida, agora, co do Goberno central sobre o uso de máscaras en exteriores, aínda que volveu pedirlle "respecto" ao Executivo central sobre as decisións que sobre este tema tomen as distintas comunidades autónomas. "Agardo que deixen ás autonomías que xestionen isto e non tenten gobernar por imperativo legal", advertiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Manda carallo

Para seren político no PP hai que ter a faciana de cemento. Tí dás o perfil.

1 mlon

Este presentador do telexornal, moitas tonterías di.