O PP aproba en solitario o ditame da lei para a primeira universidade privada de Galicia

Os 'populares' só admiten unha das emendas presentadas pola oposición.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2021 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A Comisión parlamentaria de Educación e Cultura deu luz verde, mediante os votos en solitario do PPdeG, ao ditame da lei que permitirá crear a primeira universidade privada de Galicia, a Universidade Intercontinental da Empresa, impulsada pola obra social de Abanca, que agora queda lista para a súa aprobación definitiva en pleno. O PSdeG e o BNG, que votaron en contra, mostraron a súa desconformidade co proxecto e criticaron o "laxismo" e a "falta de garantías" na norma, que cualificaron de "chiringuito segregador" e da que destacaron que "non é necesaria".

Oficina de Abanca
Oficina de Abanca | Fonte: Abanca.

No documento, incluíuse só una das emendas propostas polo PSdeG e o BNG, quedando rexeitadas as restantes durante a votación. A este respecto, a portavoz socialista de Universidades, Noa Díaz, tachou o debate de "estéril".

A deputada socialista criticou que o proxecto de lei é "pouco garantista, de mínimos" e sinalou que apenas atende asuntos como a inspección, os prazos, as titulacións ou a investigación. "Non hai vontade de control deste proxecto. Non se permite que as normas de funcionamento e organización do centro sexan, xa non aprobadas, senón polo menos coñecidas, polo Parlamento, o que supón unha carta branca inaceptable", censurou Díaz.

"Van aprobar un proxecto de lei de recoñecemento da primeira universidade privada de Galicia sen absolutamente ningún argumento que a xustifique", afirmou a deputada socialista, que criticou a duplicidade nas titulacións. "O proxecto solápase co sistema público galego, póndoo en risco e debilitándoo", indicou.

"As públicas levan anos demandando máis prazas nos seus graos, e néganllas, pero agora danllas á privada", apuntou Díaz, que pediu "reforzar o plan de financiamento universitario 2022-2026 para "blindar a educación pública".

"MESMAS REGRAS PARA TODOS"

O deputado nacionaista Manuel Lourenzo indicou que a posta en marcha da universidade privada "profunda na privatización e no desmantelamento da cohesión social" e cualificou de "fraude" a desatención por parte da Xunta de todos os colectivos e institucións, "incluído o veto da opinión dos reitores das universidades públicas galegas".

"A Xunta obedece os mandatos de Escotet, está aliñada cos intereses da banca fronte aos intereses unánimes da universidade pública do país", censurou Sobral.

Tal e como sinalou Díaz, o grupo socialista botou en falta tamén plans para loitar contra a discriminación por orientación sexual, pola condición económica ou un plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, "como si inclúen leis doutras comunidades autónomas".

O nacionalista sumouse a esta crítica, á que engadiu a falta de fomento da lingua galega. "Dificilmente a universidade vai operar eficazmente nun país se esquece a súa lingua", lamentou Sobral, que tachou de "apisoadora" as negativas do PP a practicamente a totalidade das emendas.

"Mentres deixan morrer o público, e crecen as esixencias para as universidades públicas, estas fanse máis laxas para a privada", lamentou Díaz, que reprobou que só se destine un 15% do orzamento do centro a bolsas, "cando o PSdeG pedía un 30% na súa emenda" e que "non se valoren máis os méritos académicos".

Sobral insistiu na necesidade de que "as regras de xogo sexan iguais para todos". "Trátase dun chiringuito segregador; hai que evitar que se faga un uso fraudulento dos espazos por parte da privada, algúns cun gran valor histórico e sufragados por todos". Neste sentido, demandou que os centros privados dediquen un 25% do seu orzamento a investigación, "igual que fai a pública".

"LIBRE COMPETENCIA EDUCATIVA"

Pola súa banda, o portavoz do PP no debate, Ovidio Rodeiro, defendeu que o dereito á autonomía universitaria e á liberdade de empresa "están recollidos na Constitución", polo que insistiu en "respectar a lei e a libre competencia na educación".

"O proxecto foi autorizado polo Goberno do Estado coas normas estipuladas e vostedes queren porlles obstáculos adicionais, que xogue en desvantaxe respecto doutras Comunidades de España só porque é galega", lamentou Rodeiro.

O deputado popular sinalou que a oposición tenta "autoxustificarse" mediante peticións "que non teñen sentido" porque saben que o proxecto é "rigoroso". "Non hai base legal para que o Parlamento regule a privada", indicou Rodeiro.

"Buscan manipular a realidade e crear a sospeita de que non haberá controis de calidade, cando non é así", afirmou Rodeirdo, que insistiu en que o ditame abordado é "de recoñecemento, non de regulación", polo que "non ten sentido incorporar emendas sobre controis". "Esa vixilancia xa está recollida nas leis autonómicas, non ten lóxica sobrerregular o que xa está regulado", explicou o vogal popular á mantenta do rexeitamento ás emendas da oposición.

Respecto da oferta de titulacións, Rodeiro defendeu que "moitos mozos galegos saen de Galicia porque optan por unha privada", da mesma forma que moitos alumnos internacionais "terán a opción agora" de vir a Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta