O Sergas agarda ter "en xullo" un sistema de cita para vacinar a colectivos prioritarios

Comesaña explica que esta mecánica servirá para persoas que teñan "algún problema específico", como estudantes que se vaian de Erasmus.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2021 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) atópase "ultimando a mecánica" do sistema para pedir cita para vacinarse contra a covid-19, co obxectivo de lanzalo "os primeiros días de xullo". Este mecanismo manterase de forma paralela á habitual citación de persoas por rangos de idade, empregada desde o principio da campaña de vacinación.

Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega e recollida por Europa Press, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que esta ferramenta para pedir cita voluntaria servirá para que estas persoas poidan "acceder a certos días da axenda" de vacinación a pesar de que non lles toque por de idade.

Aínda que o Sergas está "a acabar algúns axustes" deste sistema --nun principio, falouse de que arrincaría do 1 de xullo--, o conselleiro si avanzou que estará destinado a se "algunha persoa ten algún problema específico" como, por exemplo, estudantes que se vaian de Erasmus ou persoas que teñan algún asunto "laboral ou educativo".

Tamén nos primeiros días de xullo, Galicia comezará coa administración de primeiras doses da vacina contra a covid a pacientes de 30 a 39 anos --a área sanitaria de Vigo preveo para o vindeiro sábado--, co obxectivo de empregar "todo o mes" para este rango. De igual modo, en xullo prevese que a década de 40 a 49 quede cuberta coa segunda inxección.

Ademais, abriu a posibilidade a que as persoas de 30 a 39 anos, as próximas en ser chamadas a vacinarse por defecto, tamén poidan pedir cita elas mesmas a través do novo sistema. Pero o conselleiro recoñeceu que será "complicado", porque existirá "o risco" de que sexan chamados por ambas as vías.

MÁIS DOSES ESTA SEMANA

En calquera caso, García Comesaña explicou que esta semana que arrinca o luns o Sergas recibirá "un número máis alto" de dose do habitual. Pero matizouno: este aumento débese a que en semanas anteriores a chegada de vacinas "reduciuse un 12 por cento".

A isto sumou a "mala noticia" de que a recepción destas contías extraordinarias "acaba o 5 de xullo". "Non poderemos ir todo o rápido que nos gustaría", lamentou.

Con todas as previsións encima da mesa, e a pesar de que "sempre hai incidencias", o conselleiro de Sanidade volveu a estimar que "a finais de agosto" alcanzarase a inmunidade de grupo, co 70 por cento de poboación xa cuberta pola vacina.

Fila de pacientes que esperan tras recibir a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021. Rosa Veiga - Europa Press
Fila de pacientes que esperan tras recibir a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta