O PP censura que o BNG chame a debatir o Estatuto xa que considera que é un "debate alleo que introduce división"

Pedro Puy cre que o BNG "está en proceso de traer a Galicia problemas que aquí non hai e que son propios doutras comunidades autónomas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2021 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy, censurou que o BNG busque "traer debates alleos que introducen división e acaban separando á sociedade e acaban dividindo ás familias", despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamase a abrir un debate "sereno" e "tranquilo" co que conseguir un "novo status político" para Galicia.

A preguntas da prensa sobre a proposta lanzada por Pontón este luns, Puy afirmou que en Galicia hai "un amplo consenso" respecto dos valores do Estatuto, a Constitución e a Unión Europea. Por iso, lamenta que no Bloque "prevalece máis a idea de fondo ideolóxico" no canto de "recoñecer a realidade".

Nesta liña, lembra que, na pasada campaña das autonómicas, os populares xa avisaron de que a visión do Bloque "non era positiva", "á vista do que está a ocorrer noutras comunidades, particularmente en Cataluña", pois "acaban xerando problemas non só políticos, senón tamén sociais, económicos".

O portavoz popular reproba que o BNG "está en proceso de traer a Galicia problemas que aquí non hai e que son propios doutras comunidades autónomas".

Así mesmo, Puy sinalou que este ano se conmemora o 40 aniversario do autogoberno de Galicia, mentres lamenta que o Bloque "se desmarque" destas celebracións do Estatuto de 1981 e "reivindique o frustrado intento na República" do Estatuto de 1936, "que é moi loable", pero que "non dá a marxe de autogoberno que dá o vixente".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PP
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PP | Fonte: Europa Press

VONTADE DE CONSENSO

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tamén asegurou que o seu grupo ten a "man tendida" para chegar a acordos coa oposición de face á elaboración do ditame da comisión posta en marcha no Parlamento galego para abordar a reactivación tras a pandemia e destacou que xa hai consenso sobre unhas 50 medidas.

Así se pronunciou este luns en declaracións aos medios despois de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instase ao PPdeG a "ser permeable" e a aceptar as propostas da oposición neste órgano que se reunirá o martes. Ademais, o socialista acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de pretender "camiñar en solitario" de face á reconstrución.

Respecto diso, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo replicou que a "mellor proba" da vontade de consenso do PPdeG é que, dun texto no que se inclúen 400 medidas, ofreceuse a transaccionar 100 con BNG e PSdeG. "Aproximadamente a metade xa foron aceptadas polos grupos da oposición", explicou.

Fronte a iso, lamentou que a oposición só traslade ao grupo maioritario "unha ou dúas contra propostas" sobre o seu texto. "E en relación co fondo de consenso, despois de escoitalos, incorporamos moitas das propostas, concretamente algunhas feitas polo Grupo Socialista", indicou para lembrar que un 24% do orzamento deste fondo --conformado por 115 millóns-- se dirixirá ás administracións locais.

Deste xeito, sostivo que o seu grupo está a dar "proba" de que está "polo labor de mellorar o documento procurando consensos cos grupos da oposición" e subliñou que "os feitos demostran que é así". "Cando o grupo maioritario se achega  á oposición con máis dun centenar de propostas e a cambio recibe algunha aceptación pero ningunha contra proposta sobre o conxunto do documento excepto o que é unha emenda á totalidade, pensamos que estamos a cumprir noso deber de tentar acordar medidas para saír da crise, para recuperar a sanidade, a política social, etc.", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta