Por GC Tendencias | Foxán | 05/12/2013 | Actualizada ás 01:46
A localidade de Froxán, no corazón do Courel e declarada ben de interese cultural dende o 2006, acollerá o 7 de decembro a decimoquinta edición da Festa da Pisa da Castaña de Froxán. Esta exhibición etnográfica e gastronómica é a primeira de Galicia que se organizou para recrear o sistema tradicional de conservación de castañas, o froito que durante séculos foi a base da alimentación dos galegos.
Organizada pola pola Asociación Fonte do Milagro atrae a numerosos visitantes de Galicia e de fóra, curiosos por coñecer os diferentes pasos do proceso. A pisa consiste en golpear repetidamente con forza e coordinación un saco pouco cheo de castañas contra un tallo grande de madeira co fin de quitarlle as cáscaras. As castañas que se pisan pasaron antes polo proceso de secado ao calor e ao fume nos coñecidos sequeiros durante uns quince días e o traballo de “pisado” debe facerse entre dúas persoas.
Rematada a pisa, hai que baleirar o contido do saco nun bandoxo (bandexa de madeira aberta por un lado e con dúas asas) onde se sacudirá todo ao aire con moita mestría para separar a castaña xa pelada da cáscara. Daquela, a castaña seca estará lista para consumir ou para gardar na despensa.
Nesta edición da Festa haberá un concurso de pisadores por parellas. Ademais, vaise presentar o libro “Oro en la Galicia interior, minería romana” editado por Garheve. Durante toda a xornada haberá actuacións de música tradicional e postos de venda de produtos típicos da zona e de artesanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.