Galicia, dez puntos por baixo da media estatal e europea en habilidades dixitais básicas

Os galegos están á cola do Estado en habilidades dixitais báscias. E é que só o 52,1% di posuír estes coñecementos, o que sitúa a Galicia dez puntos por baixo da media estatal e europea.

Por Erik Dobaño | Compostela | 29/06/2021 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

Os galegos están á cola do Estado en habilidades dixitais báscias. E é que só o 52,1% di posuír estes coñecementos, o que sitúa a Galicia dez puntos por baixo da media estatal e europea.

Así, o 60% dos españois posúe polo menos habilidades dixitais básicas, un patrón similar ao da media europea, segundo un estudo elaborado pola Fundación Cotec en colaboración co Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) presentado este martes no marco do Mobile World Congress de Barcelona (MWC) nun acto que contou coa participación do CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, e a presidenta de Cotec, Cristina Garmendia.

Segundo o estudo, as comunidades autónomas con maior renda media por habitante concentran tamén os maiores niveis en canto a habilidades dixitais da poboación. Así, por enriba quedan os territorios máis ricos, como Madrid (67,4%), Cataluña (67,2%), Navarra (61,7%) e País Vasco (61,5%). Por baixo, con ata 15 puntos porcentuais de diferenza, aparecen territorios cuxo PIB por habitante está por baixo da media nacional, como Galicia (52,1%), Cantabria (54,8%) ou Murcia (55,1%).

O estudo, denominado 'Competencias dixitais e colectivos en risco de exclusión social en España', busca identificar os colectivos con maior risco de quedar excluídos da economía e a sociedade dixital en España. Segundo Cotec, o nivel de estudos, a ocupación e a idade son o tres factores que en maior medida determinan a brecha en competencias dixitais, a diferenza do xénero, que é moito menos significativa a nivel estatístico.

Así, entre os resultados que destaca o estudo, atópanse que ter máis de 55 anos aumenta en 23,1 puntos porcentuais a probabilidade de ter habilidades baixas ou directamente de non telas.

Ademais, o salto de contar con estudos básicos a estudos medios representa ter 17,6 puntos máis de alcanzar un nivel de competencias dixitais avanzado, aumentando a 36,2 puntos se se alcanzan estudos superiores. A diferenza de estar desempregado a ocupado aumenta en 4,3 puntos porcentuais a probabilidade de ter unhas habilidades dixitais avanzadas.

O traballo utiliza os datos que proporciona o indicador de competencias dixitais da poboación integrado na dimensión de capital humano do índice sintético DESI (Índice da Economía e Sociedade Dixitais) que elabora a Comisión Europea, así como os microdatos da Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación dos fogares (Enquisa TIC-H) do INE, ademais doutros que proveñen da Enquisa Cotec-Sigmados de percepción social da innovación.

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta