A Xunta privatiza as redes sociais de Turismo e inviste case un millón para promocionarse en medios dixitais

O Goberno galego destina case 155.000 euros na contratación dunha axencia de comunicación para que leve e supervise as redes sociais de Turismo de Galicia. Tamén comprará publicidade en medios dixitais por valor de 850.000 euros.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 06/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia privatiza o servizo de redes sociais de Turismo de Galicia, a pesar de dispor un amplo gabinete de comunicación. Unha privatización que custará 154.880 euros durante os dous vindeiros anos e que ten como obxectivo por en marcha un conxunto de

Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo
Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo | Fonte: xunta.gal

estratexias e accións de comunicación dixital coa intención de "manter a sensibilización da poboación galega, nacional, internacional así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia e o Camiño de Santiago nas redes sociais".

 

Deste xeito, a empresa adxudicataria xestionará, a partir da súa proposta estratéxica, as redes sociais da Axencia de Turismo de Galicia elaborando contidos (textos, imaxes, vídeo) e "garantindo a súa difusión a través de medios gañados". Ademais, esta empresa deberá realizar obrigatoriamente dúas campañas anuais (catro ao longo de todo o contrato) para promocionar e posicionar o turismo galego: unha con determinados contidos das redes de Turismo de Galicia, e outra, con determinados contidos das redes e o Camiño de Santiago.

 

Segundo o prego de condicións deste concurso ao que tivo acceso GC, o adxudicatario deberá tamén "vixiar e escoitar" diariamente as conversas nas redes sociais sobre o turismo galego e o Camiño de Santiago. "Terá que interactuar cos seguidores das contas de Turismo de Galicia e demais usuarios, buscando e mantendo conversa sobre os temas de interese para o turismo galego e o Camiño de Santiago, onde sexa citada a entidade ou os valores turísticos galegos e respostando no menor tempo posible ás cuestións e requirimentos dos seguidores e usuarios das redes", apunta.

 

Todo isto, baixo a supervisión de Turismo de Galicia que, en todo momento, dará as instrucións oportunas para resolver as continxencias que se presenten. Entre as prestacións que terá que realizar a empresa contratada está a elaboración, creación e posta en marcha dun plan estratéxico e de acción para os medios propios da Axencia de Turismo de Galicia, con especial incidencia nas redes sociais, fundamentalmente en Facebook, Twitter,

Instagram e Youtube, tendo en conta a situación actual das mesmas no relativo á contidos e

seguidores.

 

Ademais, encargarase da xestión das redes sociais, a realización , produción e execución da creatividade das campañas, o mantemento dunha comunidade virtual en torno á Axencia de Turismo de Galicia que inclúa tamén o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, así como o Xacobeo 2021-2022 e dos custos e desenvolvemento de dúas campañas de publicidade anuais (catro para todo o contrato) nas redes sociais.

 

PUBLICIDADE MEDIOS ONLINE

 

Por outra banda, a Xunta tamén destinará 850.000 euros para impulsar unha campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular, nos medios dixitais que operen no ámbito nacional e internacional, "coa intención de manter a sensibilización da poboación así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia en internet e redes sociais".

 

A intención é fomentar o turismo nun ano marcado pola pandemia e tentar recuperar o fluxo de peregrinos do ano 2019, cando Galicia recibiu máis de 340.000 camiñantes, o meirande número da súa historia.

"Cabe ter en conta que unha porcentaxe moi elevada dos contidos de promoción e da

comercialización dos produtos turísticos realízanse a través da Internet, polo que é precisamente neste medio onde cómpre desenvolver as accións publicitarias do Turismo de Galicia e do Camiño de Santiago ao obxecto de achegarse directamente aos seus usuarios", destaca o Goberno galego para xustificar este novo gasto en medios.

MILLÓNS EN PUBLICIDADE

Nas últimas semanas o Goberno galego está adxudicando distintos concursos para a realización de campañas publicitarias nos medios galegos es españois. Así, leva xa destinados máis de cinco millóns de euros en promocionar produtos do agro, da pesca e en industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Algún día teremos que recoñecer que esa falsa comunicación das RR.SS. non foi máis ca un espellismo pseudodemocrático que nos levou á peor época autocrática das nosas vidas ! https://i.gal/FalsasRedes