Pódese ser inglés sen saber ben inglés?

O pasado xoves tiven a fortuna de ser convidado a presentar a miña nova novela na Casa de Galicia en Madrid. Recibiume un auditorio cheo de galegos e galegas que estudan a nosa lingua, nalgúns casos implicando ás súas parellas na defensa, dende fóra, da nosa cultura e país.

Por Francisco Castro | Vigo | 16/12/2013

Comparte esta noticia
Era a miña segunda visita abeirado ao xeneroso ofrecemento do Espazo das Linguas Ibéricas e do grupo Galego en Madrid. E un ano máis puiden comprobar a paixón coa que a xente de Madrid, que ten saudades todos os días da terra, se implican no labor de manter viva unha lingua que alí non poden falar con case que ninguén, a luz dunha cultura que, nesa cidade chea de millóns de persoas, adoita ser ollada como algo periférico, estraño e, moitas veces, como algo prescindible.
Despois do acto fomos tomar algo. E, coma sempre, na relaxación dos bares, fora da rixidez formal do acto cultural, acubillados pola noite, é cando abroian as verdades verdadeiras coma puños. E veste a ti mesmo compartindo as súas angueiras e a súa incomprensión ao respecto de todo o que ten que ver con Galicia e o galego. Eles, que están en Madrid, batallando por ser recoñecidos como galegos e galegas, non poden entender que dende Galicia haxa tantos atrancos...por parte dos propios nativos. E non lles entra na cabeza que nas grandes cidades como Vigo ou como na Coruña, os dous pulmóns económicos do paìs, falar galego siga a ser un problema para quen tal fai, unha perda de oportunidades, un continuo ter que andar a dar explicacións.
 
Non o entenden e nós, os que residimos na terra, tampouco o entendemos.
 
Porque non ten posible explicación.
 
De feito, unha das cousas que máis me sorprende sempre que os visito é que moitos e moitas dos que se anotan nos cursos de galego que se imparten en Madrid, non son da nosa terra. E tiñades que velos participando no coloquio comigo, esforzándose por falarme na miña lingua, esa que eles e elas estudan.
 
Ese dato, a existencia desas persoas que se achegan ao que é máis noso (o idioma), ben sexa por curiosidade, amor as linguas ou por algún vencello con Galica máis ou menos directo ou indirecto, que existan esas persoas, sen dúbida, é algo moi importante. Entre outras cousas porque, en canto acceden ao noso idioma, automaticamente, acceden á nosa cultura e a nosa condición diferencial.
 
Así que, sen a lingua, non somos galegos.
 
Así que, non é cuestión menor, que en Galicia se teña a lingua como idioma vehicular no ensino ou non.
 
Así que, non é cuestión de pouca importancia que haxa quen manteña que se pode ser galego ignorando ou directamente descoñecendo, a lingua galega. Esas persoas nunca aceptarían iso dun inglés.
 
Non aceptarían que un inglés é inglés aínda que residindo en Inglaterra non o saiba falar nin o entenda.
 
É algo tan básico que case que doe telo que explicar.
 
Menos mal que, na nosa loita, contamos con xente entusiasta coma os amigos e amigas de Madrid. A centos de quilómetros. Pero no mesmo paìs ca nós. No mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro