Radiografía dos medios de Galicia: La Voz e Faro perden a metade dos seus lectores en dous anos

Todos os xornais tradicionais perden influencia territorial. De feito, La Voz comeza a ser xa residual en Ourense e Pontevedra, mentres que Faro de Vigo só se le na de Pontevedra. Os grandes xornais tamén seguen perdendo lectores no último trimestre deste ano. A televisión mantense, sendo Telecinco a máis seguida e, a radio, baixa, aínda que pouco, sendo a Cadena Ser a emisora líder en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 13/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Covid deixou tocados, e case afundidos, as versións tradicionais en papel dos grandes medios de comunicación de Galicia. Non hai ningún deles que se salve dunha esabechina de perda de lectores que se ceba, principalmente, nos máis importantes, La Voz de Galicia e Faro de Vigo, pero que tamén afecta, e moito, a outros como El Correo Gallego, La Región ou La Opinión de A Coruña.

Cabeceiras de medios en galego que reciben subvencións por parte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta
Cabeceiras de medios en galego que reciben subvencións por parte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta

Así, segundo recolle o informe sobre o “Acumulado Móvil 2021 outubro 2020-maio 2021“ de Ingenio Media,  La Voz de Galicia perde case a metade dos seus lectores en dous anos pasando de 534.000 a 312.000. Unha caída que é semellante ao Faro de Vigo, que tamén baixa dos 221.000 aos 105.000.

Estes dous xornais, os de máis tirada en Galicia son os que máis se resinten da crise da covid que tamén supuxo un duro golpe para o conxunto do consumo da prensa diaria en papel.  Pero o golpe tamén é moi forte para outras cabeceiras tradicionais como é o caso de El Correo Gallego, que pasa de 61.000 a 22.000, La Región que baixa de 78.000 a 40.000 ou Diario de Pontevedra que pasa de 40.000 a 16.000. Menor caída é de El Progreso, que aínda aínda así baixa dos 99.000 a 68.000 lectores.

Tamén diminúen La opinión de A Coruña de 39.000 a 13.000, El Ideal Gallego de 18.000 a 11.000, Diario de Ferrol de 13.000 a 7.000 e Diario de Arousa de 13.000 a 5.000.

A baixada tamén é parella na prensa de carácter estatal. Así, xornais como el País --quinto no ránquing de lectura en Galicia-- pasa de 75.000 lectores a 33.000, El Mundo que baixa dos 42.000 lectores a 17.000 ou ABC que pasa de 15.000 a 11.000.

PERDA DE INFLUENCIA TERRITORIAL

A Covid tamén provocou que se resinta o poder que os xornais galegos teñen en determinados territorios. Así, La Voz de Galicia, ata agora considerado como un xornal de índole galega vai perdendo posicións e consolídase, só, na da Coruña onde domina o 20% dos lectores.  Baixa en Lugo, quedando no 15% e comeza a ser residual en Ourense cun 7,4% e Pontevedra, cun 5,1%.

Con todo, a caída da influencia dos xornais tradicionais nos seus tradicionais feudos é común á maioría deles. Así,  o Faro de Vigo consolídase só como un xornal de Pontevedra e, principalmente, da zona sur desa provincia, onde acumula o 12,2% da audiencia. El Progreso domina o 22,3% dos lectores en Lugo e La Región o 14,4% dos de Ourense.

E xa é case residual a importancia de históricas cabeceiras como El Correo Gallego, que só domina o 1,9% da udiencia na provincia da Coruña, a mesma porcentaxe que o Diario de Pontevedra na de Pontevedra. El Ideal Gallego e Diario de Ferrol quedan co 1,1% e o 0,7% dos lectores na provincia da Coruña.

PODER DE INTERNET E DA TELEVISIÓN

Fronte a esta caída dos xornais en papel hai un reforzo das versións online. De feito, Internet sitúase xa como o segundo medio máis consumido, e alcanza ao 66% dos galegos e galegas.

O acceso á información nos diarios online e a radio crece cada día máis. Con todo, en Galicia, a televisión mantense como o medio líder mantendo a súa cobertura por encima do 80%. Telecinco é a cadea con maior cota de pantalla, a pesar da súa grella “lixo”, aínda que a maior subida é de Antena 3 e La Sexta. TVG sitúase como a terceira cadea máis vista. 

Por outra banda, destaca o crecemento que tiveron as cadeas de pago nos últimos anos e os medios gráficos seguen perdendo forza. Tamén a Radio descende lixeiramente respecto ao exercicio anterior, sendo a Cadena Ser a cadea líder unha vez máis. 

DATOS DO SEGUNDO TRIMESTRE DE 2021

Estes datos coinciden co informe do segundo trimestre deste 2021 que tamén apunta que hai un descenso xeneralizado de todos os medios agás Internet que crece lixeiramente (+1,67%) e se sitúa no segundo posto. A televisión é o medio que sofre a caída menos acusada (-2,22%) e continúa como líder en Galicia, mentres que a Radio baixa  un 3,07% e sitúase en cuarta e as revistas, a pesar de caer un 8%, adiantan aos xornais en papel que caen un 11,5%.  

De feito, o descenso da prensa neste segundo acumulado é xeral, con caídas de audiencia en todos os soportes. Así, cabeceiras líderes, como La Voz de Galicia, perden 44.000 lectores e  Faro de Vigo, 14.000. Tamén xornais deportivos como Marca descenden 23.000 lectores.

Dentro das emisoras do grupo Prisa, Cadea Ser (+4.000) e Los 40 (+6.000) lideran o ranking da radio en Galicia; mentres que Cadena Dial sitúase no sexto posto (-6.000). A Radio Galega mantense en terceiro lugar, a pesar de perder 32.000 oíntes. Séguenlle as emisoras do Grupo Cope: Cadena 100 (+6.000) e Cope (-6.000), mentres que Rock FM (-5.000) ocupa o oitavo lugar, rodeada das emisoras do Grupo Atres: Onda Cero no sétimo lugar e Europa FM no noveno. Kiss FM é a emisora que gaña máis oíntes (+11.000), seguida de RNE (+7.000).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Por falar do tema: non pensades que sería ben responder nas RR.SS. a estes xornais desmontando o negocio que están a facer coa INFORMACIÓN en Galicia ? Poderíamos ter un Día de Galicia máis reivindicativo ca estreleira no balcón ¿non si? // https://twitter.com/00Gamela/status...

1 Gamela

Algún día teríamos que facer un cursiño intensivo sobre a realidade dos índices Share nas televisións (incluindo as locais tipo TeleVigo). Pero máis alá do desastroso ano da pandemia, onde as noticias eran unha fonte de DEPRESIÓN COLECTIVA penso que a reducción de lectores na Voz e no Faro teñen moito que ver coa implementación dos Muros de Pago ! Galicia Confidencial debera iniciar unha campaña co lema: O que non les noutros medios podes lelo en GC Os lectores que aínda valoramos o xornalismo en liberdade, e amamos a liberdade de expresión, deberamos colaborar con GC hoxe con máis forza que nunca ! O café que paguei hoxe pola mañá custoume 1,30 € (tiven que facer cola para sentar na terraza e non me deixaron fumar un pitillo) Cada quen faga as súas contas !!!