Por Galicia Confidencial | | 17/12/2013 | Actualizada ás 00:05
O proceso vai para longo. O FROB, entidade que depende do Banco de España, abrirá moi probablemente unha segunda fase, salvo que unha das ofertas sexa moito mellor que o resto. É dicir, continúa a poxa polos restos das caixas galegas.
En principio, o Guggenheim é o favorito, pois conta co apoio do actual equipo de xestión. Isto permitiría conservar a marca e as decisións do día a día en Galicia. O Estado tamén podería presumir de ser quen de atraer investimento estranxeiro a España. Agora ben, os bancos españois advertiron que o fondo non aportaría a estabilidade que supostamente dá a banca do Estado.
Por outra banda, o BNG demanda a intervención da Fiscalía Anticorrupción para que paralice e analice todo o proceso de venda de NGB ao entender que o Ministerio de Economía e o FROB incorren nun presunto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos. En opinión dos nacionalistas existe "prevaricación por tomar, a sabendas, unha decisión en contra dos intereses dos contribuíntes e de Galiza como é a venda anticipadada no peor momento posible, e malversación polo desfalco ao erario público que suporía non computar no prezo de venda 2.260 millóns de euros en exencións fiscais".
Novagalicia salvouse grazas aos case 10.000 millóns de euros públicos, gran parte procedentes da UE. Unha das condicións impostas por Bruxelas para o seu resgate era que fose vendida posteriormente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.