Deixar de comer carne, realmente beneficia a todos?

Endocrinos recoñecen que a carne ultraprocesada pode ser un risco para a saúde das persoas. Ambientalistas e algúns estudos destacan que a pegada de CO2 da gandería intensiva é do 15%. Desde algúns sectores apúntase á restrición cando non eliminación do consumo de carne como solución, en parte, aos problemas medioambientais. É certo todo isto?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As palabras do ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre a necesidade de rebaixar o consumo de carnes de cara a unha mellora na saúde e na pegada de CO2, levantaron as protestas do sector cárnico en todo o Estado. O ministro de Agricultura, Luis Planas, cualifou as palabras de Garzón como “é tan falso como que o azucre mata”. Gandeiros de todo o Estado protestaron ante unhas palabras para eles pouco documentadas e que non prestaron atención aos diferentes tipos de produción cárnica. Ademais diso, xúntaselles o problema actual dos prezos ante a situación pandémica, pois sectores habitualmente grandes consumidores como a hostalaría, deixaron de mercar ante os peches sanitarios e por tanto o valor da carne baixou notablemente e o sector agora mesmo está nun momento delicado.

Alberto Garzón
Alberto Garzón

CARNE E SAÚDE

España é o país da UE que máis carne consume” destacou o ministro Garzón. Durante o período de pandemia os datos apuntan a un aumento da produción cárnica así como de prezos en porco e polo e unha lixeira baixa na carne de vacún. Boa parte da produción exportouse ao exterior co que así se explicaría ese aumento produtivo. A excesiva inxesta de carne, sobre todo vermella, estaría detrás do aumento de doenzas relacionadas co sistema dixestivo. “Hai certas evidencias que a carne ultraprocesada pode prexudicar o sistema dixestivo se se consume cunha alta frecuencia·” di Alfonso Vidal da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo. A carne non procesada sería prexudicial “consumida en exceso” dentro dunha dieta que non teña todos os nutrientes.

O Ministerio de Agricultura emitiu un documento en 2018, o último do que se ten noticias, sobre os hábitos de consumo no Estado. O consumo de carne fresca de polo e porco aumentou mentres o vacún baixou lixeiramente. O documento sinala que os e as consumidoras seguen a confiar nas chacinerías tradicionais, mentres que outro dato é a baixa de consumo de carne fresca entre persoas menores de 35 anos. Aquí aumenta a inxesta de carne ultraprocesada. Este tipo de produtos son doados de consumir, “teñen prezos aceptables para a maioría e están moi ben presentados nos seus envoltorios” sinala Alfonso Vidal.

A Consellería de Medio Rural sobre a posible relación de danos para a saúde relacionados co consumo de carne, o departamento de José González apunta  “que malia que hai estudos que vencellan o consumo de carne coa posibilidade de padecer cancro, cómpre sinalar que o consumo de carne é san, sempre e cando estea dentro do contexto dunha dieta equilibrada”.

Granxa de porcos
Granxa de porcos | Fonte: agronomaster

Engadido a todo isto, hai quen ve un discurso moi “urbanita” detrás do manifestado polo ministro de Consumo, pois a maioría da poboación descoñece o sistema de produción agroalimentaria. “Entendemos que quixeron facer unha campaña de cambio de hábitos que lles saíu mal” di Brais Álvarez do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Se falamos de saúde e consumo, o ideal sería poder consumir produtos de cercanía”, unha alternativa para reducir a pegada de CO2.

CONTAMINACIÓN E PRODUCIÓN CÁRNICA

As reaccións institucionais non esperaron. Así a Xunta “lamenta as declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, animando aos cidadáns a consumir menos carne, cando por parte do Goberno galego, en colaboración co sector, hai un esforzo firme e decidido por impulsar os nosos sectores primarios e nomeadamente o da carne”. Por outra parte “celebramos a postura do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Luis Planas, que si aposta por fomentar o consumo de carne entre a sociedade española”.

“Os gandeiros en extensivo fan un traballo inmenso para o medio ambiente que mesmo permite a prevención de incendios forestais” di Alberto Lema da Asociación de Gandeiros e Agricultores de Galicia (AGRIGA). “A gandería en extensivo asenta poboación dentro do agro e evita o abandono de prados, montes e propiedades” destaca Lema. "Estamos en primeira liña no coidado do medioambiente levando ao mercado produtos de primeira necesidade” apunta José Ramón González, de Unións Agrarias (UU.AA). “Desde logo que as declaracións do ministro foron pouco afortunadas” apunta José Ramón González. Outro dato, en 2020 a produción de carne en Galicia englobaba “9.559 produtores e 143 industrias, cun valor económico global próximo aos 127 millóns de euros” apunta Medio Rural.

Un informe da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) apunta que a actividade agro-gandeira crearía un 15% das emisións de gases con efecto invernadoiro. Iso tendo en conta que as emisións procedan de puntos fixos (granxas, por exemplo). “O transporte de carne de importación crea un 30% das emisións de CO2 e a ese tanto por cento hai que sumar o doutras industrias ligadas tamén á produción ” destaca González.  No caso da UE, segundo un informe realizado en 2018, a agricultura (incluíndo gandería) crearía un 8,7% das emisións de gases con efecto invernadoiro.

Tanto SLG, UU.AA como AGRIGA coinciden en que o sector máis prexudicado foi o gandeiro en extensivo. “Desde a pandemia os prezos baixaron aínda que a distribución funciona” sinala Alberto Lema que lembra “en Galicia o sector é maioritariamente familiar e de pequenos produtores”. “A campaña fíxose mal porque non diferenciou entre as diferentes maneiras de producir carne” di Brais Álvarez, “porque prexudicou á produción extensiva”. “Mesmo pode haber grupos de presión detrás que queren desviar a atención do verdadeiro problema” sinala José Ramón González.

Onde concordan as posturas sindicais, productoras e ambientalistas é no risco que supón a creación de macroexplotacións intensivas. Este modelo, moi extendido na Limia, crea aglomeracións de animais destinados ao consumo humano en condicións prexudiciais para o gando segundo organizacións animalistas e ambientalistas. Por outra parte, supoñen un incremento no cúmulo de residuos, xurros e refugallos difíciles de eliminar. Dito modelo intensivo é o que se está estendendo ao resto de Galicia, segundo ADEGA e é o que está a crear problemas de xestión medioambiental, ademais de non fixar poboación no rural e non permitir a supervivencia das explotacións en extensivo.

O exceso no consumo de carne ultraprocesada pode prexudicar a saúde das persoas, aínda que faltan datos por confirmar. O consumo de carne fresca sen exceso vén sendo unha necesidade dentro dunha boa alimentación. Todas as dietas, mesmo a mediterránea, inclúen carne, aínda que os ingredientes varían dun lugar a outro. A gandería e intensivo pode traer problemas medioambientais  no tocante a concentración de gases invernadoiro ou eliminación de residuos. A gandería en extensivo ten efectos beneficiosos segundo os gandeiros para asentar poboación no rural ademais do coidado do entorno. O problema está “nos intermediarios” quen mercan a carne ao gandeiro antes de que esta chegue ao consumidor, punto este que encarece os prezos.

En definitiva, o consumo de carne non debera ser un problema sempre e cando non se faga en exceso ou non se consuma unicamente carne ultraprocesada. Os gandeiros e algunhas autoridades como Ministerio de Agricultura ou a Xunta, consideran a polémica sobre a carne un feito innecesario e sen base suficiente.

Unha vaca nas instalacións de gando do Instituto Madrileño de Investigación e Desenvolvemento Rural, Agrario e Alimentario (IMIDRA), Centro de Transferencia Tecnolóxica 'A Cheminea'. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Unha vaca nas instalacións de gando do Instituto Madrileño de Investigación e Desenvolvemento Rural, Agrario e Alimentario (IMIDRA), Centro de Transferencia Tecnolóxica 'A Cheminea'. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta