O SLG carga contra unhas PAC "pensadas dende Madrid e para os terratenentes"

Aseguran que as pequenas explotacións de Galicia sairán moi "prexudicadas" polo modelo de reparto que ultima o Goberno, e que tería en conta a extensión dos negocios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Continúan as negociacións para o reparto de axudas da Política Agraria Común (PAC) na marco do Estado español. Na xornada do pasado 14 de xullo tivo lugar a Confederancia Sectorial de Política Agraria Común, onde as conselleiras e conselleiros de Agricultura das 17 comunidades autónomas se reuniron co ministro do ramo para debuxar cal será o panorama de axudas para os anos 2023-2027.

Horta ecolóxica. Foto: Prensa Allariz
Horta ecolóxica. Foto: Prensa Allariz

A falta dunha concreción clara dos pagos que recibirá Galicia e como serán distribuídos, dende o Sindicato Labrego Galego dan por feito que as cifras da Comunidade autónomo non serán satisfactorias. O SLG vén de denunciar que o modelo de xestión de axudas europeas desenvolto polo executivo de Sánchez está orientado aos “grandes terratenentes e perceptores”, deixando de lado as explotacións de menor tamaño como as que abundan en Galicia.

Nun sentido paralelo se manifestou xornadas atrás o conselleiro de Medio Ambiente, José González, que censurou o enfoque “mediterráneo” que, ao parecer, está a tomar o mecanismo de distribución artellado polo Goberno. Dende o SLG van máis alá e critican os “slogans” artellados a respecto dun reparto que non ven de natureza "igualitaria", "xusta" nin "ecolóxica".

“O Sindicato Labrego Galego veu insistindo en que esta PAC non é a PAC nin máis xusta, nin máis sustentábel. E parece que nin o Estado Español nin as comunidades autónomas pretenden aproveitar a grande marxe de manobra que teñen para mellorala”, apuntan. Neste aspecto, lamentan que as administracións públicas insistan en “fomentar o conflito entre pequenas e medianas producións de todo o territorio estatal” e evitar a unidade.

AXUDAS "PARA OS GRANDES"

E é que esta PAC consistía nun paquete de axudas “para os grandes”, segundo sosteñen dende o sindicato, un enfoque que xa quedaría reflectido nalgúns dos requisitos debuxados para poder acceder a elas.  “Parece que esa redistribución vai quedar apenas no nome: mínimo importe posíbel, e unha forma de aplicación que tampouco vai favorecer as granxas de menor dimensión dedicadas a agricultura e/ou gandaría”, apuntan. 

Dende o sindicato amósanse críticos, desta forma, cunha PAC que “ao tempo que se pinta de verde, vira as costas en cada oportunidade aos modelos multifuncionais, asentados no territorio e na pluralidade de paisaxes e diversidade de producións”. “En calquera caso”, suman, “a perspectiva é mala, pois apóstase novamente no pagamento por superficie: A escolla é premiar o tamaño por cima de calquera outro criterio”.

Tal enfoque podería prexudicar as “moi pequenas” explotacións galegas, que abranguen dende hortas a viñedos, pasando polas froiteiras. O Sindicato sostén que estas se van ver “moi desfavorecidas “por normas pensadas exclusivamente coa perspectiva de Madrid e doutras comunidades, para as que resulta incomprensíbel podermos vivir cunha hectárea de horta”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta