O BNG critica que as axudas da PAC "manteñen a histórica discriminación" a Galicia

Galicia "recibe ao redor do 3 por cento" das subvencións directas "cando en 2020 tiña case o 7 por cento do emprego agrario" de todo o Estado, indican a nacionalista Carme Aira.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG no Parlamento galego, Carme Aira, critica as propostas do Goberno central para a repartición das axudas da Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea porque "manteñen a histórica discriminación a Galicia", á vez que censura a actitude de "satisfacción" da Xunta sobre esta distribución.

A través dun comunicado, a deputada lamenta que a proposta trasladada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na Conferencia Sectorial parece "destinada a manter a desigualdade social e territorial", xa que Galicia "recibe ao redor do 3 por cento" das subvencións directas "cando en 2020 tiña case o 7 por cento do emprego agrario" de todo o Estado.

Aira lamenta que o Goberno español pretenda "manter o privilexio daqueles territorios e modelos de explotación historicamente favorecidos", como os grandes propietarios, en detrimento do modelo familiar de Galicia. Ademais, a portavoz nacionalista en Desenvolvemento Rural advirte que a proposta do Ministerio "limita o pago redistributivo --para as primeiras hectáreas de cada explotación-- ao mínimo que obriga" a normativa comunitaria, un 10 por cento do fondo para axudas directas.

Tamén censura que propón "rexionalizar" estas contías, o cal "só beneficiaría a aqueles territorios que concentran as grandes explotacións, en prexuízo doutros como Galicia, caracterizados por pequenas e medianas explotacións".

Así mesmo, Aira ve "decepcionante" que se aplique a redución progresiva das axudas por encima de certo nivel, porque está "moi afastado" das posibilidades da normativa comunitaria para limitar que as grandes explotacións acaparen as subvencións. E cualifica de "moi laxa" a definición de 'agricultor activo', o que permitirá que persoas con "nula" vinculación á actividade poidan seguir cobrando as axudas.

Por todo iso, a deputada do BNG destaca que a proposta do Ministerio "abre a porta a incorporar novas superficies ao cobro da axuda básica" a través da reserva estatal, pero "non é comprensible a satisfacción" da Consellería do Medio Rural porque o Goberno central "non considera para nada como criterio de priorización" o feito de que a superficie cuberta con axudas "sexa menor na actualidade". "Ao contrario, tamén abre a porta a incorporar novas superficies en comunidades historicamente privilexiadas", engade.

A deputada autonómica do BNG Carmen Aira.. BNG
A deputada autonómica do BNG Carmen Aira.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta