Retrato da LGBTfobia: “Seguimos sendo persoas ‘b’ á marxe do considerado ‘normal’”

O crime de Samuel e a escalada de odio dos últimos meses colocou no centro as discriminacións cotiás e agresións que sofren historicamente as persoas LGBT+. Diseccionar estas violencias é importante para entender a raíz do problema e saber como enfrontalo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2021 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Un 48% das persoas LGBT con parella eluden collerse da man en público por medo a ameazas, agresións ou acoso no Estado español. Un 32% recoñece evitar acudir a determinados lugares, sendo a rúa e o transporte público os espazos onde máis temor hai a mostrarse libremente. Un 41% apunta ter sufrido algún tipo de acoso só durante o 2019. Todos estes son datos da maior macroenquisa sobre a situación do colectivo LGBT+ publicada pola Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) no ano 2020. Debuxan unha realidade de medo, segredos, discriminacións cotiás e agresións ás que podemos poñer corpo nos centos de experiencias persoais que agromaron estes días en artigos e redes sociais. 

Concentración contra agresións LGTBfóbicas e en defensa de Samuel na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Concentración contra agresións LGTBfóbicas e en defensa de Samuel na Coruña. M. Dylan - Europa Press

O asasinato de Samuel con berros de “maricón” na Coruña é a 'punta do iceberg' dun sistema atravesado pola LGBTfobia, clamaron as rúas. “Está en todas as capas e eidos da sociedade, desde o momento en que non aparecemos nos libros de texto ou non podemos marcar o que nos representa nos formularios. Esa é a base sobre a que despois se constrúe a violencia”, analiza Xandre Garrido, de Avante LGBT+. Nos últimos meses o colectivo vén sufrindo unha escalada de ataques que se materializan na queima de bandeiras, na desfeita de murais ou bancos coas cores do colectivo, e nos casos máis graves, en agresións físicas. Para a comunidade, esta repunta non é nova: “Nos últimos tres ou catro anos, cando máis picos de agresións se dan é no mes do Orgullo, e este ano continúan despois da vaga de apoio social como reacción ao asasinato de Samuel”, prosegue Garrido. “Somos máis visibles, temos máis aceptación social, e quen nos odia, quen ve que está quedando atrás ante o avance da sociedade, reacciona con violencia”. 

MASCULINIDADES E LGBTFOBIA

Se ben a LGBTfobia impregna toda a sociedade, as persoas que exercen os maiores ataques responden a un patrón claro: os responsables detidos ou investigados por ‘delitos de odio’ no Estado español son principalmente de sexo masculino (nun 83%), encadran nun rango de idade de entre 18 e 40 anos (nun 54,7%) e teñen nacionalidade española (nun 84%), segundo datos do INE. Diseccionar estas violencias conduce a unha raíz común coa violencia machista: a masculinidade patriarcal ou hexemónica, ese modelo de comportamento que leva aos homes - sobre todo cisheterosexuais, brancos e autónomos economicamente - a adoptar unha posición dominante e de centralidade na sociedade. A medida que as persoas se afastan dese centro de poder cara ás marxes van sentindo con máis forza os diferentes sistemas de opresión (machismo, racismo, clasismo, LGBTfobia, capacitismo…), que se entrecruzan e complementan. 

Este mundo que vivimos aínda é violento para quen saen da norma. “As persoas LGBT seguimos sendo un adxunto á sociedade, un engadido; seres humanos ‘b’ que estamos á marxe do considerado ‘normal’”, indica Garrido. “Céntrase todo o coñecemento e medios ao redor, sobre todo, do home cisheterosexual; e unha semana ao ano, dise: ‘ah, por certo!, tamén existen estoutras posibilidades'”. Unha persoa homosexual, bisexual ou transexual “ameaza", ou cando menos, molesta, a reprodución do sistema tal cal está concibido. Un sistema binario home/muller no que as identidades de xénero e orientacións sexuais non cis nin heterosexuais seguen sendo consideradas “o outro”. 

Mozos sosteñen a bandeira LGBTI nunha manifestación o pasado luns. Jorge Gil - Europa Press
Mozos sosteñen a bandeira LGBTI nunha manifestación o pasado luns. Jorge Gil - Europa Press

Segundo o sociólogo e experto en novas masculinidades Jorge García Marín, “hai comportamentos masculinos que se consideran lexítimos e esperados, e outros que non”. As agresións, de feito, non se producen tanto pola orientación sexual da persoa - a quen ame - senón por como é lida por parte de quen ataca, a través dos xestos, do aspecto físico ou da maneira de falar. “Todo aquilo que sexa saír do concepto de masculinidade hexemónica provoca rexeitamento porque é entendido como unha ruptura coa orde do ‘natural’, isto é, ser un home resistente, duro, estar sempre á ofensiva, non mostrar vulnerabilidade… A este tipo de masculinidades non lles gusta problematizar esta orde”, explica. Por iso, “conecta perfectamente” que a violencia exercida contra o colectivo LGBT teña unha face maioritariamente masculina e adopte unha intención disciplinaria. Se esta masculinidade se basea na dominación, cando unha persoa que non se axusta á norma cuestiona a masculinidade, tamén cuestiona esa dominación. 

“Caen entón as bases que xustifiquen porqué ter pene significa estar por riba de alguén”, prosegue. As identidades subordinadas "burlan", daquela, o status quo de privilexio e de relación de poder do home que se atopa na centralidade. “Todo isto non deixa de ser unha falsidade, porque sabemos ben que renunciar a este tipo de mandatos nos conduce a un mundo mellor, máis asertivo e autosuficiente”, remarca o sociólogo. Mais ser consciente e renunciar ao privilexio, desempoderarte para empoderar outras persoas, custa. “Significa volverte a unha dimensión non remunerada, moi pouco atractiva para as masculinidades que sempre foron as posuidoras do público, a medida de todas as cousas”.

Ante a “presión” de movementos como o feminismo ou o LGBT+, as masculinidades hexemónicas atópanse nun momento de “desubicación” no que precisan reforzarse os uns aos outros. Unha característica recorrente deste tipo de agresións LGBTfóbicas, ao igual que acontece en numerosos casos de violacións a mulleres, ten que ver coa actuación en manda. Acontece isto porque a masculinidade patriarcal “necesita a súa performatividade”, indica o sociólogo. “Teño que ter a mirada de aprobación doutro home, e por iso o grupo é importante”. O mesmo motivo está detrás da tendencia a subir logo a agresión ás redes sociais. “Necesitan que despois da patada veña alguén a darlles unha palmadiña e dicirlles que son uns campións, que iso é o correcto. Se non hai ese reforzo positivo, esa patada non valería para nada”, explica. 

ACTITUDES LGBTFÓBICAS LEXITIMADAS

Esta construción da masculinidade “ao redor da LGBTfobia”, di Xandre Garrido, ten o seu momento clave na infancia e na adolescencia, cando se están formando as identidades. O colexio ou o instituto son espazos de socialización nos que, moitas veces, as persoas LGBT+ reciben os primeiros reproches, miradas desagradables, insultos ou acoso doutros compañeiros ou compañeiras. Daisy Alcalde é profesora e axente de igualdade en Vilagarcía, unha vila na que hai poucas semanas un rapaz menor de idade denunciou ser agredido por un grupo de mozos cando expuxo publicamente que era homosexual. Alerta dunha repunta de actitudes lgbtfóbicas e machistas, sobre todo, desde o 2018, “cando houbo o boom feminista”. “Aquel 8 de marzo foi moi significativo e había moita mocidade implicada, pero tamén se produciu unha contestación do sistema patriarcal da man de grupos da ultradereita”, relata a Galicia Confidencial. 

Agora detecta unha “mocidade moi polarizada” e grupos abertamente homófobos e machistas. “Obradoiro tras obradoiro vexo que se repiten comentarios e datos manipulados que non saen de maneira natural deles, senón que forman parte dun discurso aprendido”, indica. Segundo a súa propia observación, existe un certo “envalentonamento público”: “Ese medo a ter actitudes LGBTfóbicas, machistas ou racistas perdeuse. Incluso hai un orgullo, respaldándose no tema da liberdade de expresión”. Trátase de discursos, di, que se ben antes eran considerados politicamente incorrectos, “hoxe están lexitimados e representados no Parlamento” de forma explícita e non ambigua, algo ao que tamén fai referencia Xandre Garrido no seu relato. Esa ‘validación’ dende institucións recoñecidas dá vía libre a que actitudes de odio se multipliquen logo na rúa e nos patios dos colexios. “É cotiá escoitar o insulto ‘maricón’ nas escolas e institutos. Utilízano como sinónimo de ‘pareces unha nena’ cando os nenos fan algo que non se corresponde supostamente co que é ser neno”, observa Alcalde. A liña entre o machismo e a LGBTfobia vólvese moi fina. 

Esta profesora incide en que os ataques LGBTfóbicos son estruturais, “históricos” e “estámolos sufrindo de maneira continuada”, a pesar do "cuestionamento" e lonxe de seren casos puntuais. Fronte a eles, apela á visibilidade, que si se incrementa co paso dos anos. De feito, cada vez máis, nos institutos existen comunidades LGBT. “Antes só unha persoa se manifestaba parte do colectivo, sobre todo gais, pero hoxe hai unha gran cantidade de mocidade que expresa abertamente e libre a súa sexualidade, e isto tamén fai que sexamos unha comunidade forte”, reivindica. Contra os discursos de odio, Daisy Alcalde aposta por unha formación en igualdade non optativa do profesorado. “Ten que haber axentes de igualdade nos colexios e nas institucións, sermos unha figura recoñecida, que se nos visibilice e que poidamos traballar disto de forma especializada”.

CONTRA A INDIFERENZA

“Educación afectivo-sexual desde a infancia. É básico”, concorda Jorge García Marín, que tamén pon o foco na falta de referentes de novas masculinidades. “Un problema importante está en que aínda non temos modelos que nos sirvan de influencers e que nos dean outra perspectiva da realidade; fáltame esa masculinidade integradora e non agresiva con 27 millóns de seguidoras!”, di. Xandre Garrido suma ao dito unha “lei LGBT que nos protexa explicitamente” e a presenza dunhas institucións “sensibilizadas e responsables”. Tamén apela a avanzar cara a unha resposta non punitiva a estas agresións: “Cada vez que hai un crime moi mediático machista ou LGBTfóbico é utilizado dende certos sectores para pedir aumentos das penas. Cómpre que non nos deixemos levar pola emotividade de que nos tocou algo de preto para comprar este discurso. Aos rapaces que chegaron a ese nivel de violencia falloulles a sociedade; e o que queremos é que non lle falle a máis xente”

Pouco despois do asasinato de Samuel, a concelleira Claudia Delso dicía no pleno do Concello que a cidade da Coruña, tralo acontecido, "non é a mesma cidade". “Non pode ser a mesma cidade”. E agora, que? Urxe entender, di Xandre, “que para que se dean agresións e asasinatos ten que haber un ambiente que o permita e o fomente”. “A LGBTfobia é condutual e só ten lugar cando a persoa que a efectúa pensa que vai ser impune ou incluso celebrada”, por iso o papel da sociedade, de toda a sociedade, pasa por “amosar activamente” que non se vai permitir nin un chiste máis, nin un insulto máis, nin unha discriminación máis. Os lemas e os berros das últimas manifestacións deixábano claro: “Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 CastelaoPaSogama

Se llama retórica engañosa aquella en la que se introducen conceptos que alguien define como le interesa para controlar el lenguaje y dominar el debate ¿En dónde hay una definición precisa y universalmente aceptada de LGTBfobia, por ejemplo? Que los árboles no nos impidan ver el bisque: España, salvo casos aislados, es un paraíso para las personas LGTB+. Lo que hay es un victimismo impostado porque el victimismo es un arma política fabulosa que permite dividir a la sociedad en víctimas y perpetradores, que es lo que interesa a demasiados chiringuitos que justifican las subvenciones en la lucha contra lo que no hay, salvo casos aislados y puntuales. Por cierto, el "colectivo" es plural y la mayoría vota a la derecha. En asociaciones están tres, de ahí que nunca den el número minúsculo de asociados.

1 PodadorDeBisques

Entendo que aceptar que tes privilexios é un camiño complexo e que require certo traballo (e humildade), pero negarte a velo ponte máis do lado do problema que da solución. E queda clariño en que lado estás ti. Dá a sensación de que nunca falaches cunha persoa LGBT nin te interesaches sobre a discriminación que se sofre, moitas veces xa na propia familia, na escola, no instituto, etc. Se queres un día cóntoche que paraíso tan guai é este do que ti falas.