Piden que as eléctricas devolvan os millóns "cobrados en exceso" grazas a unha lei de Aznar

Varias plataformas, entre elas Adega e Ecoloxistas en Acción, veñen de pedir a un xulgado que faga efectiva unha sentencia para devolver ata 2.800 millóns de euros cobrados de máis polas eléctricas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Na xornada do pasado martes a luz marcou o prezo máis alto de toda a historia no Estado español: 106€ por MW hora que viñan a superar unha marca mantida dende 2002. Este incremento, lonxe de ser un dato illado, supón o pico dun encarecemento sostido que ten diversas razóns detrás pero que vén de estalar tras a tan criticada reformulación da factura da luz.

Arquivo - Imaxe de arquivo dunha lámpada.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Imaxe de arquivo dunha lámpada.. EUROPA PRESS - Arquivo

Na mesma xornada en que se marcou ese pico, diversas asociacións do Estado, entre as que se conta ADEGA, esixiron ante os tribunais que as eléctricas devolvan os miles de millóns de euros que cobraron de máis como parte dos coñecidos como Custes de Transición e Competencia. A petición foi desenvolta ante a Audiencia Nacional da man de Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente a la Crisis.

Segundo apuntan dende a plataforma ecoloxista, a petición ante os tribunais deriva da sentenza coa que, hai xa máis de 15 anos, a propia Audiencia Nacional cobraran de máis no tocante a estes CTC entre 1998 e 2006. De acordo coa mesma fonte, este abono excesivo podería oscilar entre 1.500 e 2.800 millóns de euros que agora as plataformas implicadas esixen devolver aos consumidores.

“Para determinar a cantidade exacta é necesaria a execución da Sentenza da Audiencia Nacional mencionada”, apuntan, antes de destacar a importancia de que tal contía sexa restituída ás persoas consumidoras “de forma directa ou indirecta” tras constatar o “exceso dos custos pagados”.

LEI DE AZNAR

De acordo coas mesmas fontes, o pago polos CTC veu da man da Lei do Sector Eléctrico aprobada polo Goberno de Aznar en 1997, e que dende ADEGA debuxan como unha “profunda reforma” no camiño da liberalización para poñer en paralelo o sistema español e a UE. “O novo sistema de mercado fixo que [as eléctricas] non só non perderan diñeiro, senón que gañaran máis do previsto e, ademais, cobraran CTC en exceso. Ningún dos distintos gobernos esixiu a devolución destes pagos, e en 2006 derrogouse a norma que obrigada a tal cumprimento. Porén, este dereito non prescribiu e polo tanto é plenamente esixible”, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta