Os gandeiros galegos continúan producindo a perdas malia a suba do leite

Parte da industria vén de anunciar un encarecemento de dous céntimos que, porén, seguiría por baixo dos custes medios de produción.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Novo paso na longa problemática do prezo do leite pagado a gandeiros galegos, os que menos ingresos perciben por litro de todo o Estado, segundo o derradeiro informe do Goberno central. Con todo, desta vez as noticias son positivas dentro da problemática xeral: as granxas galegas veñen de dar conta dun tímido incremento nos prezos pagados pola industria láctea, ante o cal o Sindicato Labrego Galego chama ás granxas “a tomaren a iniciativa”.

Vacas pastando
Vacas pastando | Fonte: Xunta.

En particular, a suba foi anunciada pola empresa Naturleite á propia formación sindical, que recibiu noticia de que os gandeiros que venden a esta compañía pasarán a cobrar outros dous céntimos por litro a partir do 1 de agosto. A formación cualifica de “pequeno movemento” esta suba, que, de acordo cos datos do propio Ministerio de Agricultura, tampouco chegaría para cubrir os custes medios de produción.

O derradeiro estudo do Observatorio da Cadea Alimentaria --desenvolto polo nomeado Ministerio-- cifra o custe medio de produción dun litro de leite en 35’65 céntimos; mentres que as granxas galegas reciben, de media, 32’3; dato que dende o Sindicato aseguran é “o máis baixo do Estado”.

Así, nin coa suba anunciada pola industria láctea galega os gandeiros do país chegarían a contar cun prezo de mercado que permitira, cando menos, facer fronte aos custes de produción do produto; que, segundo apuntan dende o Sindicato Labrego Galego, resultaron encarecidos no derradeiro ano. Por iso tratan a suba como “un pequeno paso que fica a medio camiño” e instan ás granxas a “comunicárense coas industrias con que traballan, para consultar que previsión teñen de implementar subas no prezo que permitan cubrir algo máis os custos de produción”.

En liñas paralelas, o Sindicato apunta directamente á Xunta, que “debe tomar a iniciativa e non ficar de simple espectadora”. “Entendemos que a Consellaría debe asumir un papel activo e facer operar a Mesa Sectorial do Leite”, destacan a respecto dun espazo de negociación que “ten un papel a cumprir” para “non deixar ás granxas, máis grandes ou máis pequenas, vulnerábeis na negociación ante a grande industria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pagamos o litro de leite enteira LARSA a 0,78 ...