Hai moitas Muxías

E o presidente da Xunta apareceu correndo en Muxía para anunciar o inicio do procedemento para a inmediata restauración do templo danado. Vale. Pero a pregunta agora é obvia: por que non se dá esa urxencia á hora de valer a outras realidades tamén danadas, tamén destruidas, tamén necesitadas do auxilio público?

Por Francisco Castro | Vigo | 01/01/2014

Comparte esta noticia
E non falo da cultura. Que tamén. Falo de miles de cousas que necesitan desa mesma urxencia. Asuntos como o desmantelamento do noso tecido industrial, por exemplo. Que esmorece aos poucos (e esa agonía xustifícase pola crise e daquela xa non hai máis nada que falar, adeus a calquera forma de protesta) sen que se perciba moita preocupación ou desveo por quen ten que coidar dos intereses xerais. Ou falo de toda esa xente que ateiga os comedores sociais, a cada día máis e máis desesperanzados. Non vexo a ningún responsable político dicindo o que en Muxía: isto é un desastre, aquí está a Xunta para botar unha man. Ou falo dos dependentes. Cada día máis abandoados. Cada día máis conscientes de que os gobernantes lles dan as costas, deixándolles moi claro que non senten as súas angurias coma un problema seu. Cada día máis mentalizados de que están sós. Incluso aínda que lles caese un lóstrego enriba habían de seguir igual de invisibles. Aínda que se incendiaran nada cambiaría para eles.
 
Que non me odie a xente da Costa da Morte. Sinto o que pasou e paréceme perfecto, xa o dixen ao comezo deste artigo, que a administración pública galega demostre interese, celeridade, e ganas de solucionar a cousa canto antes. Por suposto que si. E por suposto que, ademais, desexo que non quede todo en xestos, en palabras, en decoración. Que invistan os cartos que haxa que poñer para este tipo de cousas e que o deixen, na medida do posible, como estaba. De feito, non hai por que pensar que non vai ser así. A Xunta declarou "emerxencia" a restauración e falouse de ata 850.000 euros (a de cousas que se poderían facer con iso, pero, veña, imos dicir que nos parece ben). Así que parece que aí se portaron. Ben por eles.
 
Pero tampouco nos enganemos. Situacións, circunstancias, feitos, motivos, problemas que merecen a intervención urxente da Xunta, a súa aparición fulgurante, o anuncio, diante dos micrófonos, de medidas excepcionais para amortigüar as dimensións do desastre, hai varios miles na nosa terra. Por iso cómpre situar as declaracións na súa xusta medida e dimensionar todo no seu espazo concreto, que non é outro que o que xa sabemos. Que hai xestos que nos dan votos e outros que non. Que hai asuntos mediáticos e outros que non. Que hai asuntos que a sociedade percibe como desastrosos (e os medios colaboran nesa percepción, tampouco eles falan das outras muxías diarias) e outros non. E daquela é cando os políticos aparecen. Con solucións debaixo do brazo. Con cartos.
 
Quero uns gobernantes así de eficaces e dispostos pero para todo.
 
Senón, teriamos que pensar que estamos diante dun caso de demagoxia e hipocrisía. E líbreme a Virxe da Barca de pensar tal cousa dos que nos gobernan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro