O Goberno retira o recurso contra a lei galega de saúde tras modificar a Xunta o articulado sobre vacinación

Feijóo lembra que a norma permite á Xunta as sancións "directas" por vulnerar medidas sanitarias como saltarse unha corentena.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que este mesmo mércores o Executivo autonómico e o central chegaron a un acordo que dá pé a que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez retire o recurso ante o Tribunal Constitucional (TC) contra a reforma da lei galega de saúde.

Este paso chega despois de que o TC acordase a semana pasada levantar a suspensión (no ámbito das medidas cautelares) de todos os preceptos que foran recorridos polo Executivo central a excepción do apartado relativo á vacinación. A Xunta sempre defendeu que a redacción da súa lei non implicaba facela "obrigatoria", pero o Goberno tiña dúbidas sobre a constitucionalidade deste punto.

Nunha rolda de prensa en Salvaterra de Miño, Feijóo reivindicou este mércores a retirada do recurso de inconstitucionalidade como "un triunfo da razón e da política". Da "razón", interpretou o presidente galego, porque o TC "acaba de dicir que Galicia tiña razón e a lei é constitucional". E "da política", engadiu, porque o Goberno acepta que "o lóxico", cando unha comunidade "ten razón", é "darlla" e non estar sometidos "a unha litixiosidade política, que non xurídica" como --dixo-- estábase "ata agora".

DISPOSICIÓN ADICIONAL

"A lei galega de pandemias recobra o seu vigor", celebrou, antes de concretar que o que, a cambio, pide o Goberno é "acreditar nunha disposición adicional que a vacina só se pode dispensar no ámbito da voluntariedad dos cidadáns mentres que non se modifique a lei orgánica estatal".

Neste punto, o presidente galego lembrou que esta "lei galega de pandemias" permite sancións "directas" a quen vulneren medidas sanitarias e, por exemplo, salten unha corentena ditaminada por mor da pandemia. Con todo, aquelas decisións que afecten a dereitos fundamentais --como limitar reunións-- requirirán de autorización xudicial previa.

Na súa intervención, Feijóo tamén destacou que se "acredita" que a norma galega "sempre foi legal" e que "unha lei de pandemias sería moi necesaria en España".

Feijóo intervén no plenario da Comunidade de Traballo co Norte de Portugal.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Feijóo intervén no plenario da Comunidade de Traballo co Norte de Portugal.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Agora veremos aos todólogos insistir en que o TC está politizado ! Pero aínda non escoitei a ninguén falar da Responsabilidade Criminal do Presidente por manter un estado de alarma por 6 meses e conculcar os dereitos constitucionais de 47 millóns de cidadáns (?) A retirada do recurso contra a Lei de Sanidade Galega será para despistar ... será como as rebaixas da peaxe que seguen a encher os petos de Audasa per sécula seculorum (?) Será...