Naufraxios e soçobras do noroeste

Nesta cuadraxésimo quinta entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval enfronta naufraxios diversos na foz do Río Columbia

Por Gabriel Rei-Doval | Astoria (Oregón, USA) | 31/07/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Chineses e xaponeses chegaban á costa de Oregón mentres os romanos arribaban a Ampuries. Mais foron os Chinook os auténticos mestres en evita-la barra do Columbia, esa densa masa de sedimentos que modifica a navegabilidade do río na súa pacífica desembocadura.

A foz do Río Columbia, entre os Estados de Oregón e Washington
A foz do Río Columbia, entre os Estados de Oregón e Washington

A xigantesca columna de Astoria, omnipresente entre Washington e Oregón, testemuña os paradoxos da nosa existencia. O tótem lumínico, deseñado para competir coa Torre Eiffel, inda hoxe guía os destinos de navegantes, emocionais e non, pola costa do Pacífico.

Antes de Tío Sam furtarlles terra e auga ós Chinook, os míticos exploradores estadounidenses Lewis e Clark viaxaran xa en odisea integral ata a desembocadura do Columbia, na actual Astoria. Alí rematou hai dous séculos a máis temperá aventura exploradora norteamericana cando teléfono e ferrocarril eran rexoubas utópicas de taberna. Nunca antes dera ninguén percorrido o subcontinente entre Missouri e o Pacífico, nin moito menos mapeara os territorios que compatriotas gringos menos altruístas habían espoliar máis adiante.

En 1806, tralo duro inverno dunha Astoria húmida coma a Fisterra do XIX, Lewis e Clark devecían por un pronto retorno a Camp Wood. Mais os exploradores de Jefferson, a diferenza de Robinson e Venres, non ousaran arrombar borna ningunha para saír ó mar, quizais temendo acabar, cal garota de San Simón, en naufraxio seguro na Marola de Oregón. Así que, sen máis demora, remontaron Columbia e Clearwater River arriba e cruzaron as Bitterroot Mountains cara a Missouri.

Foran catro vellos mariñeiros Chinook os que lles advertiran os perigos da Barra do Columbia, ese monstro fluvial de patas e cabezas múltiples que un sónar radiografaría máis adiante como mutantes sedimentos de area que afundían embarcacións diversas.

De todo isto conta o Museo Marítimo do Río Columbia, do que saín con mono de lumbrigante de Seattle e soñando con pata de boi do Pacífico. E vai e soa o teléfono. Boas: acabamos de recibir alaridos cibernéticos trala súa partida serodia de Morgan Manor B&B. Da bosta Sara Botero, supoño? Afirmativo. Pois mire: ó colgar mándolles polo guasap a secuencia dos feitos. E velaí como as notas previas á(s) columna(s) da vida acabaron nas mans de airbnb en tradución google. O temor chamánico á difusión mediática do incidente no primeiro diario electrónico en galego puido ter algún efecto, porque o teleoperador se desfacía en desculpas e perdóns polo proceder errático da bosta californiana.

A arrogancia capitalista tráenos á memoria as dificultades para navega-la barra do Columbia. William Clark non tivo un só día pacífico trala súa chegada e Sara impedírame a min telo aquela mañá de outubro. Mais os tempos eran chegados de escoita-la chamada do Gran Cóndor de California: así os Chinook evitaron os naufraxios na fronteira entre Washington e Columbia e así o presente da aguia nos guía hoxe a moitos.

A saber cantas desditas, directas e indirectas, produciron os naufraxios. En Galicia coñecémo-los afundimentos, mais para as nosas puras autoridades académicas carecemos de zozobras e soçobras de noso. Na Fisterra atlántica só existen naufraxios: témo-la autenticidade prescritiva e calidade lingüística que merecemos? 

Zozobraron as naves da Grande e Felicísima Armada enviadas a loitar contra os elementos, soçobraron as descobertas lusas no tempo dos Filipes, mais os galegos somos inmunes á soçobra, a zozobra e o desalento… ata a vitoria sempre!

As elites galegas nin zozobran nin soçobran: apenas sofren desditas que distribúen solidariamente entre os mortais de Breogán. E seguimos batendo coa barra mesetaria ó saír de Pedrafita e afundimos en gabarra ó cruza-lo Miño. O dilema do noroeste: o presente da aguia ou os corvos de taberna(s)?

A resposta téñena o Cóndor de California e o Thunderbird dos Chinook. Conta a lenda que dos seus ovos, depositados na Saddle Mountain, saíron os Clatsops, e destes tódolos demais humanos. Unha historia porén con menos naufraxios e soçobras ca a de Sara, e tamén a de Rob e Jodie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA