Vilagarcía contará cun novo centro de saúde construído nos terreos da antiga Comandancia de Mariña

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, sinala que "poucas veces un día merece o cualificativo de histórico como o de hoxe".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade e o concello e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía asinaron un convenio a tres bandas que permitirá a construción dun novo centro de saúde na capital arousá. O centro levantarase nos terreos que ocupaban as antigas dependencias da Comandancia de Mariña, en pleno centro da cidade.

O protocolo de colaboración asinado este venres polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e o presidente da a Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís; establece a cesión ao concello por parte da Autoridade Portuaria de Vilagarcía da parcela ocupada pola antiga Comandancia de Mariña.

O concello asumirá a demolición do edificio e as actuacións patrimoniais, urbanísticas, dotacionais e de mobilidade necesarias para acomodar esta parcela ao uso sanitario. Unha vez realizadas efectuará a cesión da mesma ao Servizo Galego de Saúde, que procederá a elaborar o proxecto arquitectónico e, finalmente, a construción do novo centro de saúde, que substituirá ao actual de San Roque.

O DOBRE DE SUPERFICIE

As novas instalacións contarán cunha superficie construída de máis de 5.000 metros cadrados, o que significa un incremento de máis dun 50% sobre a superficie do actual centro.

Deste xeito, este novo centro de saúde permitirá incrementar en tres as consultas de medicina xeral (ata alcanzar as 17), en catro as de enfermaría (disporá tamén de 17), nunha as de pediatría (sumando un total de 5) e en dous as de enfermaría pediátrica (ata 5).

Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (o actual centro dispuña dunha única consulta para traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental e fisioterapia), á vez que se incrementarán tamén outro tipo de instalacións como as salas de técnicas, as salas polivalentes, as consultas de docencia e as salas de reanimación e observación da área de urxencias.

Ademais, o maior tamaño do novo centro permitirá incorporar áreas non existentes no actual, como unha sala de illamento, unha consulta do programa da muller, unha sala pediátrica integral, cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia, así como consultas médicas e de enfermaría para que especialistas que acudan desde o hospital comarcal.

UN DÍA HISTÓRICO

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, sinalou que "poucas veces un día merece o cualificativo de histórico como o de hoxe". E lembrou que a construción dun novo centro de saúde na antiga Comandancia de Mariña era "un vello anhelo, moitas veces reivindicado" polos vilagarciáns.

"Hoxe sáldase unha débeda histórica con esta cidade", indicou o rexedor ao referirse ao convenio asinado este venres. E lembrou que levan "traballando desde 2008 para que o novo centro de saúde fose unha realidade e nestes terreos".

Indicou Varela que agora máis que nunca, nunha situación de crise sanitaria, "o que piden os cidadáns aos responsables públicos é precisamente isto: entendemento, chegar a acordo en beneficio dos veciños". E engadiu que este acordo que vai permitir a construción do "desexado" novo centro de saúde de Vilagarcía, "é o mellor exemplo de por onde teñen que camiñar as administracións".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita en Vilagarcía de Arousa.. XUNTA / Europa Press / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita en Vilagarcía de Arousa.. XUNTA / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta