A hostalaría ve con "dúbidas" a legalidade das últimas restricións da Xunta

Os hostaleiros de Ferrol moblízanse contra unha regulación que, aseguran, volve "criminalizar" o sector.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2021 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Hostaleiros de Ferrol, agrupados na plataforma Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra --HAF--, expresaron esta mañá as súas "dúbidas" sobre a "legalidade" dalgúns dos requisitos que estableceu a Xunta de Galicia para o sector na cidade, tras entrar no nivel alto de restricións xunto aos concellos das Pontes, Ortigueira e Cariño na comarca de Ferrolterra.

"Dubidamos se somos nós quen os podemos aplicar", engadiron, en referencia sobre todo á obrigatoriedade de pedir un certificado de vacinación ou equivalente aos clientes que queiran acceder ao interior dos establecementos. "A intromisión en información de carácter tan persoal como os datos sanitarios dunha persoa ou a potestade dun hostaleiro para verificalos e comprobar a identidade ou veracidade dos mesmos", advertiron, "non pode nin debería ser unha obrigación da hostalaría e a restauración nocturnas".

O colectivo Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra denuncia que as medidas que entraron este sábado en vigor supoñen "un novo prexuízo para o sector" e cre que mesmo "poden ter un efecto contrario ao esperado, provocando que o lecer leve a espazos non seguros yaumentando a interacción social en ámbitos onde non se contempla ningún tipo de medidas hixiénico-sanitarias".

Mobilización de hostaleiros e autónomos en Ferrol.
Mobilización de hostaleiros e autónomos en Ferrol. | Fonte: Europa Press

"CRIMINALIZACIÓN"

Ademais, HAF considera que as restricións volven pór no foco e a criminalizar "ao mesmo sector, cousa que non se fai noutras actividades con igual ou maior exposición" e lembra que a acumulación de normas que afectan só á hostalaría "fai practicamente inviable o correcto funcionamento dos establecementos".

Os hostaleiros agrupados ao redor de HAF apuntaron que no momento actual, con máis do 70% da poboación galega vacinada e cunha presión hospitalaria "que se mantén estable", "non ten sentido restrinxir aínda máis os espazos onde si se cumpren as pautas hixiénico-sanitarias" e, por iso, apostan por "todo o contrario, é dicir, "ir levantando as restricións que permitan unha volta paulatina á normalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta