O Concello de Pontevedra e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para a cidade e a súa área

Fixará as directrices para un proxecto a longo prazo e incluirá diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións.

Por E.P. | Pontevedra | 03/08/2021 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este martes coa concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Branco, un convenio para a realización dun plan estratéxico de Pontevedra e a súa área, tal e como o primeiro comprometera o pasado mes de marzo nunha visita á cidade.

Río Lérez ao seu paso por Pontevedra
Río Lérez ao seu paso por Pontevedra | Fonte: Wikipedia.

David Regades explicou que este plan "establecerá as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo" e incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións "específicas, claras e realistas" para a mellora da competitividade económica, a calidade de vida e para crear emprego.

Ademais, subliñou que "o proceso será participativo" e organizaranse xornadas para recompilar opinións de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros de Pontevedra, "co obxectivo de enriquecer a proposta de accións para o futuro".

Esta "folla de ruta" empezará cunha fase de diagnóstico na que se analizará a economía e o tecido empresarial de Pontevedra e da comarca. O traballo terá en conta a repercusión social e económica da crise do Covid-19 e analizará parámetros como tecnoloxía, innovación e internacionalización, a contorna política e legal, a sociedade e cultura, demografía, medioambiente e sustentabilidade, así como iniciativas de interese.

A información sintetizarase nunha matriz DAFO, unha ferramenta de estudo para determinar debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades e a partir de aí redactarase un informe final.

Ademais, realizarase unha selección de proxectos exitosos, con obxectivos similares, tanto de España como internacionais, que poidan resultar inspiradores e que se poidan aplicar, indicaron.

Finalmente elaborarase unha lista de axudas públicas susceptibles de financiar a implementación dos programas e actuacións propostas e formularanse unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións e permita a toma de decisións.

De face á consecución dos obxectivos, constituirase un grupo de traballo paritario con tres representantes de cada parte. O protocolo ten unha duración de catro anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta