Máis dunha trintena de tractores alugados rozarán 5.000 hectáreas en zonas de devasas

Medio Rural celebra que o convenio de protección das aldeas "está a dar os seus froitos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2021 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A Xunta alugou 35 tractores para a roza, ao longo dos próximos 4 meses, dunha superficie de case 5.000 hectáreas en zonas de devasas, para reforzar a prevención dos incendios forestais. Así o trasladou este xoves o conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita ao municipio de Negreira, un dos 17 concellos beneficiarios da cesión temporal destes vehículos agrícolas.

Ademais dos 17 tractores cedidos a outros tantos concellos, outros 18 vehículos están a usarse para traballar nos diferentes distritos forestais de Galicia. Estes 35 tractores súmanse aos máis de 90 cedidos ou subvencionados no últimos catro anos pola Consellería a concellos para realizar estas tarefas de prevención.

José González lembrou que o labor de prevención "non cesa" e que os traballos sobre o terreo se manteñen mentres as condicións meteorolóxicas o permitan. Ao mesmo tempo, puxo en valor a colaboración entre administracións como Xunta, concellos e Deputación de Ourense, "a única das catro deputacións comprometida nestas tarefas".

Segundo lembrou o conselleiro, mediante o plan preventivo aprobado pola Xunta, invístense case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de terreo e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. A iso súmanse labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga que hai en Galicia, ou a construción doutros 222 puntos novos.

PROTECCIÓN DAS ALDEAS

O titular de Medio Rural tamén se referiu, no marco desta planificación, ao convenio de protección das aldeas, asinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e pola empresa pública Seaga, e recalcou que "está a dar os seus froitos".

Segundo explicou José González, a porcentaxe total de área xestionada aumentou ata o 70 %. O convenio permite actuar en máis de 150 parroquias, tres delas no propio termo de Negreira, cuxo concello recibiu, desde 2016, case 248.000 euros para a contratación de brigadas municipais e a realización de traballos preventivos.

Para controlar os traballos en todas as zonas protexidas, despregáronse 45 supervisores por toda Galicia, que actúan tanto nas parroquias priorizadas como nas que non o son.

Ao amparo deste convenio actuouse nas franxas secundarias desas áreas, na xestión da biomasa ou na posta en marcha de proxectos de mobilización de terras. No acordo inclúense tamén as chamadas 'aldeas modelo', para a recuperación e posta en valor das terras ao redor de núcleos de poboación.

O conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita para comprobar os traballos de roza en Negreira, como medida de prevención contra os incendios.. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita para comprobar os traballos de roza en Negreira, como medida de prevención contra os incendios.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta