Non me importa nada

O outro día en Madrid, un taxista psicópata (polo xeito en que pegaba as curvas e que case que me fai botar o café e as porras outro cualificativo non se me ocorre) parado nun semáforo (eu detrás) virouse para fitarme moi serio e dicirme, nun medio berro feliz e entusiasta: "Nadal recuperó el número uno!!! ¿No estás contento?".

Por Francisco Castro | Vigo | 10/01/2014

Comparte esta noticia
Dixen que si porque tiña moita cara de tolo mais en realidade, é que me daba un pouco igual. 
Estou certo de que se lle chego a dicir o que de verdade sentía no interior do meu corazón ao taxista, ou non me entendería (¿como no te vas alegrar de que un tenista español sea número uno?) ou, máis probablemente, concluiría que o seu pasaxeiro era un imbécil pouco patriota.
 
O certo é que nin sequera o meu desinterese tiña que ver cun asunto político. Ten máis que ver coa realidade de que, chamádeme raro, as cousas do deporte non me interesan o máis mínimo polo que tanto me ten que gañen uns ou outros, que suban ou que baixen de división ou nas listas dos mellores do mundo. Mais a cousa, a pregunta do taxista febril, fíxome reflexionar arredor desa realidade, tantas veces abafante, do nacionalismo español obrigatorio e por decreto, ese sentimiento que se considera "natural" e que, xa que logo, se cuestionas, che coloca directamente fóra da lóxica e, para eles, da decencia. 
 
Eu sempre digo o mesmo: podo entender que alguén chore de emoción cando escoita o himno español. Por iso eles deberían entender que outros sentimos o mesmo escoitando un himno distinto. Podo entender o pracer que se experimenta escoitando "Que viva España" de Manolo Escobar. Por iso eles deberían entender que a outros nos pasa escoitando un alalá ben cantado.  E podo entender o recoñecemento de beleza ao escoitar algunhas fermosísimas verbas castelás. Por iso eles nunca deberían menosprezar outras linguas. 
 
Isto é así. Unha obviedade. Que deberían entender todos. Tamén os taxistas obsesionados non sei se polo tenis ou porque un español reine nun deporte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro