Liberdade de voto para os e as do PP? Hipócritas!

Algunhas deputadas (e algún Barón, con b) do PP piden liberdade de voto ao seu partido para cando teñan que premer o botonciño cando toque aprobar o da lei do aborto, esa nova normativa inspirada por Rouco Varela e outros homes mullericidas da contorna ideolóxica do partido gobernante. Xa sabedes. E seica a cousa é tan dura, incluso para elas, que sempre aceptan cun si entusiasta todo canto lles mandan os Fragas, os Aznares, os Rajoys, etc, mais,desta volta, queren que se lles deixe votar, pero á súa bóla. Claro, teñen fillas, teñen netas. Elas mesmas son quen de imaxinarse a dureza de verse obrigadas a traer ao mundo un neno con gravísimas malformacións, por exemplo.

Por Francisco Castro | Vigo | 16/01/2014

Comparte esta noticia
Así que piden liberdade de voto. Para votar que non, claro. Non vai ser para votar que si.
E a min éntranme gañas de pedirlle a Rajoy que non lles permita esa liberdade de voto. Porque non ten senso que lla dea senón a pediron para outras cousas. Agora queren ter a posibilidade de exercer o seu dereito a disentir, o seu dereito a dicir que non están dacordo coa consigna, que rexeitan o argumentario, que non lles apetece aprobar unha lei que as pode prexudicar. E imaxino que tamén haberá homes dentro do seo catolicísimo integrista radical do PP que non ven con bos ollos esta reforma retrógrada e machista, e que queren dicir que non están dacordo e que non queren ser cómplices.
 
Así que a cousa ten moito que ver, para min, coa hipocrisía, porque, de primeiras, podería parecer que reclaman o dereito ao voto libre porque entenden que a nova lei é, no fondo e a pesar de que emane do propio partido ao que se deben, unha lei inxusta. Se imaxinamos que é por iso, e non hai por que imaxinar outra cousa ,debemos concluir que si que lles pareceu xusta a reforma do  mercado laboral, por exemplo,. E que é xusto todo o que parlamentos, concellos, deputacións e demais administracións onde eles gobernan se aproba para recortar dereitos, prestacións, para furtar liberdades e esnaquizar máis e máis aínda a quen peor está. Cando esas cousas se levan ao parlamento, non alzan a voz pedindo liberdade de voto (algo que non debería nin pedirse: por enriba de membros dun partido deberían ser persoas con opinións propias). Cando outras polémicas leis que machacan ao conxunto da sociedade, nomeadamente aos máis febles, se levan ao parlamento aí non están reclamando o seu dereito á disidencia. Non o fixeron cando se aprobaron reformas no código penal que suavizan o castigo para os casos de violencia de xénero. Non o fixeron cando se aprobaron reducións nas políticas de planificación familiar.
Agora si que o queren para este caso.
 
Pois hala, desdígome: que lles deixen. Para que a reforma non saia adiante.
 
Pero non me desdigo do anterior: hipócritas!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro