Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2014 | Actualizada ás 10:00
“Do Piñeirismo ao Consello da Mocidade. O Rexurdir do nacionalismo Galego” é un ensaio sobre o rexurdimento do nacionalismo. É a nova ollada ao nacionalismo galego da man do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez e do filósofo e historiador Xoán Carlos Garrido.
O libro, que se presentou este martes, recolle a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século. A obra iniciase co asasinato dos principais cadros do Partido Galeguista, que logo se recomporía no exilio, tendo como símbolos a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían ao noutrora deputado do Partido Galeguista Daniel Rodríguez Castelao como máximo referente. Mentres, en Galicia, e segundo os autores, agroma un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocidades Galeguistas, creándose no 1950 o selo editorial Galaxia.
Segundo apuntan os autores, unha nova xeración de mozos nacionalistas apoiados polos vellos exiliados daría lugar no 1963 ao que se daría en chamar Consello da Mocidade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950, e a súa obra central Sempre en Galiza. O Consello da Mocidade tería como presidente ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.
A publicación deste libro enmárcase no proxecto homónimo que deu lugar a unha exposición e documentario desenvolta coa coa colaboración da Deputación de Lugo, e que estivo exposta na sala multiusos do Museo Provincial desde o pasado mes de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.