O BNG reclama a comparecencia de Feijóo no Parlamento por unha xestión da pandemia "improvisada"

A súa portavoz nacional cre que o auto do TSXG sobre o certificado covid é unha "emenda á totalidade" á política da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2021 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego por unha xestión da crise sanitaria "improvisada" e "arbitraria".

Fíxoo nunha comparecencia ante os medios de comunicación tras reunirse con representantes da Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría. Nela, esixiu ao Goberno autonómico "normas claras e pactadas" con este sector e cun diálogo "sen exclusións", dixo tras as reunións celebradas con representantes da hostalaría sen a presenza de membros desta plataforma.

En rolda de prensa, Pontón cualificou como unha "emenda á totalidade á política da Xunta" o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a esixencia do certificado covid na hostalaría. E é que, para a dirixente nacionalista, o auto reprocha ao Executivo galego a imposición de "medidas ilegais, ineficaces e discriminando a un sector como o da hostalaría".

Por todo iso, reclamou a Feijóo que dea "a cara". "É unha obrigación de ética política e moral", manifestou tamén Pontón, para quen debe explicarse "quen" do Goberno galego "vai asumir responsabilidades políticas". "Mañá na sesión da Deputación Permanente reclaremos esa comparecencia", avanzou tamén sobre a súa solicitude. "Esperamos non atopar o rodete absolutista do PP", indicou a este respecto.

A HOSTALARÍA, "CABEZA DE TURCO"

Na súa comparecencia, Pontón reprochou, en particular, ao Goberno autonómico as súas decisións no contexto de pandemia vinculadas co sector da hostalaría, que, ao seu xuízo, foi "a cabeza de turco".

E é que para Pontón "a falta de recursos en Atención Primaria, de rastrexadores, tapouse con medidas que non tenian aval científico e que eran inútiles á hora de controlar a pandemia, tratando de responsabilizar este sector", dixo sobre as medidas e restricións impostas.

En particular, criticou o "dez días delirantes", en referencia ao acontencido desde o pasado 13 de agosto. "Publícase no Diario Oficial de Galicia unha serie de medidas que moitas entran en vigor ás doche da noite, sen tempo para que a xente poida adaptarse; ao día seguinte o propio conselleiro --de Sanidade-- anuncia cambios dese DOG como que un concello cambie de nivel". "O mércores publica novos cambios de nivel, cambios en aforamentos e horarios e volve cambiar o venres, con cambio de nivel Vigo e A Coruña", citou.

Pola súa banda, un dos representantes da Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría, Lois Lopes, volveu a reivindicar un plan de indemnizacións "real" para o sector e pediu "diálogo" á Xunta.

"Só necesitamos que o Goberno galego estea á altura das circunstancias", indicou, reclamando o diálogo con todos os representantes do sector. "Estamos dispostos a analizar calquera medida con dúas premisas, que sexa legal e dótellenos ferramentas para aplicalo de maneira legal". "Non imos admitir que se nos traslade a responsabilidade de aplicar medidas ilegais", apostilou.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, ofrece unha rolda de prensa tras reunirse con representantes do sector da hostalaría. BNG
A portavoz do BNG, Ana Pontón, ofrece unha rolda de prensa tras reunirse con representantes do sector da hostalaría. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta