Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2021 | Actualizada ás 19:01
Os sindicatos docentes CC.OO Ensino e ANPE Galicia reclamaron á Consellería de Cultura, Educación e Universidade que manteña o reforzo de profesorado contratado para facer fronte á pandemia da covid-19.
A Federación do Ensino de CCOO de Galicia rexeita o relaxamento das medidas de seguridade nos centros, como a redución da distancia de seguridade, co fin de "non pór en perigo a saída da pandemia" e "manter o emprego".
O sindicato cre que este criterio suporá "anular moitos desdobres" de unidades e "recortar profesorado", polo que insiste en manter as contratacións e mesmo reforzar os efectivos, especialmente en infantil e primaria ou no persoal de limpeza.
ANPE, pola súa banda, apela ao "esforzo" realizado polos docentes e o persoal dos centros este curso e a cuestións como a "fenda dixital" para manter a dotación de efectivos do pasado ano, sobre todo para "asegurar" a calidade do proceso educativo nos próximos anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.