A Xunta recorre a decisión do TSXG de invalidar o certificado covid, "petición dos propios hostaleiros"

Alfonso Rueda destaca que o novo protocolo para a hostalaría centrarase máis en manter a seguridade que en cifras sanitarias por municipios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2021 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia xa presentou un recurso contra a decisión do TSXG de invalidar o certificado covid, "unha petición dos propios hostaleiros", para acceder ao interior dos locais de hostalaría, un pronunciamento que o Tribunal mantivo a pesar de presentar o Goberno autonómico, a posteriori, o aval xudicial necesario para a súa posta en marcha.

Así o comunicou este xoves o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios tras participar na presentación da Rapa das Bestas en Sabucedo, Pontevedra.

"A Xunta xa presentou un recurso contra a decisión do Tribunal que, aínda que respectamos, non estamos de acordo", asegurou Rueda, que puntualizou ademais que o certificado covid era unha medida "pedida polos propios hostaleiros".

Respecto da situación deste sector, o vicepresidente aseverou que o Executivo autonómico "segue negociando" cos hostaleiros e que, "de feito, a proposta de abrir as barras vén desa negociación continua".

"Nesta situación, hai que ser imaxinativos e buscar fórmulas para seguir traballando; hai que evitar non traballar", explicou Alfonso Rueda sobre o novo protocolo para o sector, que "se tentará pechar a semana que vén".

Con este protocolo, tal e como sinalou Rueda, non se dependerá tanto "das cifras sanitarias", senón de que "se cumpran medidas que garantan a seguridade sanitaria, independentemente das cifras de cada concello". Neste novo procedemento incluiríase ademais a utilización das barras, "de forma individual e con distancia".

PROCESO DE VACINACIÓN

Alfonso Rueda asegurou que, "aos poucos volverase á vida normal" e que os bares "volverán ser ese punto de encontro e goce que en Galicia é tan típico". Unha situación na que influíu e influirá o proceso de vacinación, segundo sinalou o vicepresidente primeiro, que destacou o traballo realizado pola Xunta e o Sergas.

Neste sentido, e respecto das estimacións que apuntan a que quedan 60.000 persoas por vacinar en Galicia, Rueda defendeu que "xa se insistiu nas repescas e seguirase insistindo". "É case imposible chegar ao 100% de vacinados, pero tentaremos chegar ata onde se poida. O que fan falta son vacinas", remarcou o conselleiro de Presidencia.

Entrada a un local de hostalaría, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Entrada a un local de hostalaría, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta