Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/01/2014 | Actualizada ás 09:00
Algúns dos integrantes das plataformas de afectados polas participacións preferentes decidiron, finalmente, dar un paso máis adiante nas súas protestas contra bancos e gobernos e acaban de constituir un novo partido político co obxectivo de que as súas reivindicacións sexan escoitadas dentro das propias institucións.
O Partido de los Perjudicados por las Preferentes (PPPr) está integrado por afectados de varias plataformas de afectados; Plataforma de Afectados Bankia, Plataforma afectados Nova Caixa Galicia, Plataforma afectados CAM, Caixa España-Duero Banco CEISS e Plataforma de afectados e Afectados Caixa Cantabria-Liberbank.
Detrás desta nova marca política está Joaquín Yvancos, que foi o abogado do empresario José María Ruiz-Mateos durante dúas décadas e tamén representa os intereses de particulares que presentaron demandas en casos como os de Marsans, Pescanova ou Nova Rumasa, entre outros.
A nova formación pretende participar nas próximas eleccións europeas que se celebran en maio. E Yvancos niso xa ten experiencia; xa organizou a candidatura europea coa que se presentou José María Ruiz-Mateos en 1989 (Yvancos ía como terceiro na lista) e na que logrou dous escanos.
O seu principal obxectivo é "conseguir unha lexislación xusta que permita a recuperación dos investimentos de pequenos aforradores en produtos financeiros descoñecidos para eles que foron contratados con abuso de confianza e malas artes por parte das entidades emisoras", sexan preferentes ou subordinadas.
Sen embargo, esta nova formación tamén persigue outros obxectivos que nada teñen que ver coas súas reivindicacións orixinais e que asemellan as de outras nova formación, Vox, integrada por membros das asociacións de vítimas contra o terrorismo e que dirixe José Ortega Lara.
Así, apostan por unha "modificación da lexislación penal para garantir o cumprimento íntegro das penas, sen beneficios penais a asasinos e violadores" e propón a "reforma do Estado das Autonomías, asumindo o Estado as competencias de educación, sanidade e xustiza actualmente transferidas ás Comunidades Autónomas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.