O PSdeG acusa á conselleira de Medio Rural de frivolidade durante os incendios

Carmen Rodríguez Dacosta critica a súa presenza nunha festa “de estética trumpista” mentres se confinaban núcleos pola vaga de lumes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/08/2025 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou este domingo a actitude da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, á que acusou de "participar nunha festa de estética trumpista e con bombas de palenque, mentres se iniciaba o incendio da Cañiza, onde se confinaron sete núcleos de poboación".

Ademais, lembrou que nese momento tamén permanecían activos incendios en Arbo, Carballeda de Avia, Carballedo, Meaño e Salvaterra do Miño. Un feito que para a socialista resulta "especialmente ferinte" no medio dunha "situación dramática".

En concreto, referiuse a unha celebración con motivo do aniversario do senador do PP Juan Carlos Serrano, "que se converteu nunha exaltación da figura do presidente de Estados Unidos, Donald Trump", ao que acusou de "prexudicar gravemente os intereses do agro galego coa imposición de aranceis".

Nunha nota de prensa, os socialistas detallaron que, ademais, "na festa lanzáronse bombas de palenque nun lugar rodeado de monte". Neste contexto, detallaron que todo isto "quedou recollido en vídeos e imaxes nos que aparece a conselleira e que se difundiron a través das redes sociais".

Pola súa banda, a parlamentaria do PSdeG mostrou a súa "solidariedade" cos afectados polos incendios e trasladoulles o "recoñecemento e gratitude" do PSdeG ás persoas que integran os equipos de extinción e ás forzas de seguridade, "que están a dar o mellor de si".

"Isto contrasta co comportamento frívolo e despreocupado de quen ten a responsabilidade de actuar contra os incendios e previlos. Unha vez máis hai que pór sobre a mesa a problemática de fondo que orixina esta situación, que é unha errática xestión forestal", sinalou Dacosta. Con todo, avanzou que levará ao Parlamento novas iniciativas para debater sobre o problema "unha vez que estean controlados todos estes incendios forestais".

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta. PSDEG
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta